Saturday 16 de November de 2024

Lage Tuñas cualifica de “exiguos” os investimentos previstos nos orzamentos da Xunta para A Coruña


O portavoz pídelle a Feijóo que pase das palabras aos feitos e pague a débeda histórica que o Goberno galego ten coa cidade

O voceiro do Goberno local, José Manuel Lage, cualificou de “exiguos e tacaños” os investimentos para a cidade recollidos no proxecto orzamentario da Xunta para 2020 presentado a semana pasada.

Bota en falta “un maior compromiso do Goberno autonómico coa Coruña en especial despois de que se recuperase entre ambas as administracións un clima de cooperación e diálogo”, e lembrou “a débeda histórica da Xunta coa cidade en materia de investimentos”. Considera insuficiente o gasto previsto e sinala que o Goberno local non vai deixar de pelexar e defender os intereses da cidade coa “man tendida á Xunta, máximo diálogo e cooperación, pero reivindicando os compromisos e esixindo con firmeza o cumprimento destes”. Entende que a cooperación institucional se mide en “feitos”, e a do Goberno galego “dista moito de ser cumprida de maneira efectiva”.

Para o edil de Economía e voceiro municipal, a partida de 365.000 euros para a estación Intermodal resulta “escasa” e sinala o compromiso de Feijóo de desbloquear un proxecto que ascende a máis de 26 millóns de euros. Unha cifra que, visto o orzamento, queda “nunha partida escasa” para 2020. O Goberno local,

dentro do marco de cooperación institucional, xa deu os pasos necesarios para garantir os accesos e os terreos da Intermodal. Neste senso, Lage tamén apuntou ao investimento de 48,5 millóns de euros que Adif ten previsto destinar á construción desta infraestrutura. O voceiro cualifica de “tacaño” o goberno de Alberto Núñez Feijóo á hora de mirar para A Coruña e ter en conta unha infraestrutura vital para mellorar a mobilidade e as comunicacións da cidade co resto do Estado español. “Preocúpannos as declaracións rimbombantes sobre a Intermodal que quedan en partidas insuficientes”, reitera.

En canto á falta de investimento para o centro de saúde de Santa Lucía, Lage pediulle á Xunta que modifique o proxecto de orzamentos e concrete unha partida de 6,5 millóns para o ambulatorio. “Non poden deixar este proxecto na caixa desastre das partidas xenéricas no que caben todos os proxectos que queiran anunciar”, puntualizou.
Máis aínda cando se trata dun proxecto que a alcaldesa desbloqueou co presidente da Xunta na reunión mantida entre ambos no pasado mes de xullo. Tamén pide maior concreción no investimento para a cidade das Tics, que serviría “para disipar as dúbidas que a Xunta sementou en relación coa súa colaboración no proxecto”. Para o concelleiro, as partidas xenéricas só serven para facer “política de fogos de artificio”.

Por outra banda, Lage denunciou que a Xunta lle debe ao Consorcio da Música cinco millóns de euros, “unha débeda que os orzamentos da Xunta seguen sen saldar”. Ademais, dixo, incumpre sistematicamente desde hai oito anos o convenio asinado co Goberno local. “A falta de achegas pon en perigo a viabilidade non só da OSG, senón tamén do Coro, a Orquestra Nova e as agrupacións infantís”, recalcou. Por iso, esixe que se pague a débeda no que cualificou de “discriminación coa cidade”, xa que houbo anos nos que se deixou de aboar “preto dun millón de euros”.

No ámbito educativo, o edil de Economía apuntou a falta de investimentos para a reforma integral do CEIP Curros Enríquez, e para a contratación de profesorado de

apoio na diversidade nos centros educativos coruñeses. O documento presentado tampouco recolle o gasto para a conservación e mantemento dos centros deportivos da Sardiñeira, Elviña e da Agra, que se atopan nunha situación “moi deficiente”. E lembrou que a Xunta leva desde 2016 prometendo unhas reformas que non se levan a cabo.

E, por último, en materia de mobilidade e infraestruturas, lembrou a importancia da conexión da Vía Ártabra coa A-6 para evitar que o tráfico pesado teña que entrar na cidade, mentres que a Xunta mantén o seu proxecto de conexión coa AP-9 o que provoca a situación de colapso que vive Alfonso Molina.