Friday 22 de November de 2024

O Concello de Lousame destina 19.500 euros a axudas a asociacións sen ánimo de lucro


 

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 10 de novembro

O BOP publica hoxe a convocatoria pública de subvencións do Concello de Lousame a asociacións sen ánimo de lucro que desenvolvan actividades de tipo cultural, deportivo ou de ocio no termo municipal. Unha convocatoria á que o Concello de Lousame destina un total de 19.500 euros e que poderán solicitarse ata o vindeiro 10 de novembro.

A concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, explica que “as axudas están dirixidas a entidades culturais, deportivas, de veciños e asociacións que desenvolvan as súas actividades dentro do ámbito municipal de Lousame e que fomenten valores democráticos, de diálogo e de tolerancia”. Os gastos susceptibles de subvención serán os realizados entre xaneiro e decembro de 2019, quedando excluídas nesta convocatoria as Comisións de Festas, gastos por consumo eléctrico ou telefónico ou gastos por xantares que non sexan unha actividade en si mesma.

As entidades beneficiarias destas axudas deberán estar dadas de alta no Rexistro de Asociacións do Concello a 31 de decembro de 2018, carecer de ánimo de lucro e atoparse ao corrente das súas obrigas tributarias coa administración. As solicitudes deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Lousame antes do vindeiro 10 de novembro.

A concesión da subvención e a súa contía económica dependerán dun baremo establecido polo Concello de Lousame, que dará prioridade a aquelas actividades que beneficien a un maior número de veciños e veciñas, a continuidade e solvencia da entidade solicitante ou a dificultade de poder acceder a outros medios de financiamento.