O alcalde e o concelleiro de Infraestruturas visitaron os traballos canda técnicos da empresa concesionaria
O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, e o concelleiro de Infraestruturas, Manuel Ferreiro Marzoa, veñen de visitar os traballos de inicio das obras de reparación e mellora das beirarrúas na DP-3802, entre o núcleo de Ponte Carreira e o colexio. Unhas obras adxudicadas pola Deputación Provincial da Coruña a AUDECA, SLU por 145.474,23 euros e que teñen un prazo máximo de execución de seis meses.
Roberto Rey celebra o inicio dunhas obras “que levabamos reclamando dende hai anos porque estamos falando dunha zona de moito tránsito peonil xa que une o núcleo urbano de Ponte Carreira cunha zona onde están emprazados o CPI de Ponte Carreira, o pavillón polideportivo municipal, o local social e a igrexa parroquial”. Neste sentido, o alcalde de Frades sinala que “as beirarrúas actuais estaban nun estado moi deficiente, motivado tanto polo paso dos anos como como pola subida do tráfico rodado as beirarrúas, con desniveis e roturas que provocaban caídas, sobre todo coa chegada das chuvias”.
Rey Martínez e Ferreiro Marzoa comprobaron sobre o terreo as actuacións previstas na zona, da man do xefe da obra e o enxeñeiro responsable do proxecto. Unha visita que serviu para, por exemplo, reaxustar o emprazamento dos contedores do lixo, confirmar os rebaixes precisos para os accesos a aparcamentos ou pasos de peóns e adaptación dos pozos e arquetas á nova rasante. “As obras executaranse en primeiro lugar pola marxe dereita da DP-3802 e, unha vez rematadas, comezarase coa marxe esquerda, para que así quede sempre un camiño seguro para acceder ao colexio”, apunta o alcalde.
Actuacións previstas
As obras de renovación de beirarrúas da rúa do Ensino de Frades suporán un investimento de 145.474,23 euros e contan cun prazo de execución de seis meses. Os traballos inclúen a demolición e reconstrución de 1.360 metros de beirarrúas entre o núcleo de Ponte Carreira e a zona na que se emprazan o colexio, o polideportivo municipal e a igrexa parroquial da localidade, á beira da estrada CP-3082 Ordes-Ponte Carreira (pk 17+140 e 17+180).
As beirarrúas, 705 metros pola marxe esquerda e outros 655 metros pola marxe dereita, contan cun bordo de formigón prefabricado e baldosa de formigón vibrado de 40×40 centímetros, sobre cama de dez centímetro de zahorra e outros dez de formigón. Ademais, contémplase a colocación de 10 alcorques e achega de terra vexetal para a plantación de outras tantas árbores.
A maiores, colocaranse 346 metros de varanda metálica de protección en cinco tramos e colocarase un tubo de 1.360 metros de lonxitude para soterrar o actual cabreado de alumeado público.