Friday 22 de November de 2024

O Concello de Brión adxudica por máis de 180.000 euros a mellora do alumeado público nas parroquias de Os Ánxeles e Brión


As actuacións permitirán optimizar o consumo enerxético mediante a substitución das 173 luminarias actuais por outras de tecnoloxía LED, que permitirán un aforro de case 100.000 kWh/ano

O Concello de Brión vén de adxudicar a renovación do alumeado público e mellora da eficiencia enerxética nas zonas urbanas das parroquias dos Ánxeles e Brión á empresa Esqueiro SL por un total de 181.009,95 euros. Unha actuación que permitirá a substitución das 173 luminarias actuais da avenida de Santa Minia, dos Ánxeles e do Tremo (ata o límite co Concello de Ames) por outras tantas luminarias de tecnoloxía LED que permitirán un aforro de 99.302 kWh/ano.

O alcalde de Brión, José Luís García, explica que esta actuación “únese ao proxecto de renovación do alumeado público da parroquia de Boullón e permitirán cambiar as farolas da avenida de Santa Minia ata o cruce dos Ánxeles e dende este cruce ata O Tremo e o límite con Ames”. García destaca que “ademais de mellorar a eficiencia enerxética da instalación, as novas luminarias serán máis estreitas cas actuais, polo que melloraremos tamén a mobilidade dos peóns, sobre todo daquelas persoas que leven carriños de bebé ou se movan en cadeiras de rodas”.

Actuacións

As obras, que teñen un prazo de execución máximo de 10 meses, inclúen a substitución das 173 luminarias tipo “Fernandina” instaladas ao longo das estradas AC-543 Santiago-Noia e AC-451 Os Ánxeles-Brión. O alumeado actual será substituído por outro de alta eficiencia tipo LED, que permitirá unha diminución do consumo eléctrico e unha mellora da eficiencia enerxética da instalación.

O cambio suporá tamén a substitución dos apoios existentes, xa que non teñen a altura suficiente para cumprir cos parámetros lumínicos requiridos e proporcionar unha uniformidade axeitada, polo que as novas luminarias terán unha altura de 6 metros. Así mesmo, procederase á reforma completa dos cadros de mando e protección, á substitución dos equipos actuais de acendido por reloxos astronómicos e á substitución dos tramos de cableado eléctrico soterrado. Todas estas actuacións permitirán diminuír ata nun 60% o fluxo emitido, mantendo os niveis de alumeado necesarios de acordo co Real Decreto 1890/2008.

Para a realización destes investimentos, o Concello de Brión conta cunha achega do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), entidade pública empresarial adscrita ao Ministerio para a Transición Ecolóxica, aprobada o pasado 21 de maio.