O Museo Verbum de Vigo acolle hoxe e máis mañá a Conferencia Internacional de Cidades solidarias co Sahara. O evento está organizado pola Federación Estatal de Institucións comprometidas coa causa deste pobo, ademais de pola asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí -SOGAPS-, con colaboración do Concello de Vigo. Nesta conferenci participarán 180 representantes de localidades de todo o Estado, pero tamén de Francia, Italia e Alxeria, país que acolle arredor de 170.000 refuxiados nos campamentos de Tindouf. O obxectivo do encontro -ao que tamén asiste San Sadurniño- é coordinar unha proposta conxunta que desemboque na descolonización do Sahara Occidental, controlado por Marrocos desde o abandono da antiga colonia española en 1975.
Van máis de 40 anos de conflito no Sahara Occidental e todo segue igual ou incluso peor, trala dimisión do enviado especial da ONU Horst Köhler o pasado 22 de maio por motivos de saúde. El foi quen conseguiu certo avance convocando dous encontros en 2018 e 2019 para desbloquear a negociación entre Marrocos e a Fronte Polisario. Un proceso de diálogo que estaba en vía morta desde 2012 e que, gracias a Köhler -persoa de talante negociador louvada por ambas partes-, parecía que ía ofrecer unha saída consensuada con implicación, ademais, de outros actores como Alxeria, Mauritaria, a Unión Europea e a Unión Africana.
De momento non hai substituto para asumir o papel de mediador nin tampouco data para o terceiro encontro que debía producirse entre a representación marroquí e a saharauí. Das dúas anteriores xuntanzas tampouco saíu nada concreto, posto que só foron tomas de contacto que, porén, alomenos ofreceron un punto de partida no que, tal e como dixo o propio Köhler antes de abandonar o cargo, “quedou claro que ningunha das partes gana coa actual situación”.
E a situación é que o Pobo Saharauí agarda poder volver ao seu territorio, antiga colonia española que Marrocos ocupou durante a Marcha Verde de 1975. Aquela marcha “pacífica” veu seguida dun auténtico xenocidio, da expulsión sistemática dos saharauís das súas propiedades e dunha enxurrada de persoas refuxiadas cara a Alxeria, onde na actualidade existen seis campos de refuxiados onde viven unhas 170.000 persoas. Só un 35% do territorio do antigo Sahara Occidental está baixo control do goberno da República Árabe Saharauí Democrática. Terras todas elas do interior -lonxe dos ricos caladoiros pesqueiros e dos non menos ricos recursos minerais- que, ademais, están defendidas polo exército marroquí con muros e campos de minas.
A RASD segue agardando tamén polo referendo de autodeterminación prometido a mediados dos 70 e que Marrocos nunca aceptou. De feito, o desacordo sobre os censos foi un dos principais atrancos para a súa celebración ao longo deste tempo, aínda que o fondo da cuestión é que o Pobo Saharauí quere autodeterminación e ser país de seu na súa terra, mentres que Marrocos só estaría disposto a concederlle ao territorio certo grao de autonomía sempre supeditada a Rabat.
De todas estas cuestións falarase en Vigo hoxe e máis mañá, nun encontro de municipios que levan anos comprometidos coa causa do Sahara a través de posicionamentos públicos e colaborando con entidades que manteñen prendida a chama da reivindicación e tamén da solidariedade. Veranse maneiras de avanzar nunha solución, pero tamén fórmulas novas de cooperación coas persoas refuxiadas.
Ademais dos 180 municipios participantes -en representación de San Sadurniño acode Ana Belén Breixo-, a conferencia contará tamén coa presenza da delegada da Fronte Polisario para España, Jira Bulahi Bad, o primeiro ministro saharauí Mohamed Akeik, o ministro de cooperación, Bulahi Sid, o delegado saharauí en Madrid, Abidin Bucharaya, e o representante saharauí en Galicia, Mohamed Zerga, entre outras autoridades.