Friday 22 de November de 2024

O Concello de Noia trasládalle as necesidades de melloras nos centros educativos do municipio ao xefe territorial de Educación


 

O alcalde, Santiago Freire, e a concelleira de Ensino, Mariola López, destacaron a boa marcha das obras da pasarela entre o CEIP Felipe de Castro e o polideportivo de Bergondo

O alcalde de Noia, Santiago Freire Abeijón, e a concelleira de Ensino, Mariola López Cierto, mantiveron unha reunión en Santiago co xefe territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para a provincia da Coruña, Indalecio Cabana Leira. Un encontro no que os representantes do consistorio noiés aproveitaron para trasladarlle as necesidades dos distintos centros educativos da vila, así como para informar da boa marcha dos traballos de construción dunha pasarela entre o CEIP Felipe de Castro e o polideportivo de Bergondo, financiados pola Xunta.

Mariola López explica que “durante as dúas últimas semanas contactamos cos representantes dos institutos Virxe do Mar e Campo de San Alberto, así como dos CEIP Alexandre Cadarso e Felipe de Castro para recoller as súas peticións e necesidades para poder trasladarllas ao delegado territorial de Educación. A maioría destas melloras teñen que ver con traballos de pintado e algúns arranxos das instalacións que agardamos poidan acometerse no seu tempo”.

Ceip Felipe de Castro

Así mesmo, o alcalde noiés aproveitou para agradecer o importante investimento realizado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria na rehabilitación integral, enerxética e funcional do CEIP Felipe de Castro, que supuxo un investimento de case 670.000 euros e que permitiron a substitución da cuberta, a mellora do seu illamento térmico e estanqueidade, e a substitución de todas as fiestras por outras máis eficientes e o cambio de todo o alumeado por tecnoloxía LED.

“O xefe territorial de Educación interesouse tamén pola pasarela que se está a construír entre o colexio e o polideportivo de Bergondo”, apunta Santiago Freire, quen salienta que “as obras marchan a moi bo ritmo e permitirán favorecer a accesibilidade de todo tipo de persoas a esta nova instalación deportiva construída na pasada lexislatura”. Unhas obras presupostadas en case 100.000 euros e que contan cunha achega de 90.000 euros por parte da Xunta de Galicia. Unha actuación á que hai que engadir os 48.390 euros investidos este verán polo Concello de Noia na pavimentación dunha explanada a carón do polideportivo para o estacionamento de vehículos.