Kote Malabar ofrecerá unha actuación ás 12.30 horas no Campo da Feira de Lestedo
O Concello de Boqueixón continúa este domingo 6 de outubro co seu programa de dinamización dos mercados dominicais. As Feiras Activas ofrecerán ás 12.30 horas no Campo da Feira de Lestedo unha actuación de circo de rúa con Kote Malabar. Este espectáculo de novo circo está dirixido ao público familiar e ofrécese completamente de balde.
A seguinte cita das Feiras Activas desenvolverase novamente en Lestedo o vindeiro 20 de outubro. Desta volta, o grupo Luz do Ilicino, pertencente á Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio, encargarase de amenizar a mañá cunha actuación musical que dará comezo ás 12.30 horas.
Xa para o mes de novembro, a programación continuará coa posta en marcha dunha Feira do Magosto, a celebrar tamén en Lestedo. Esta terá lugar o domingo 3 e combinarase co espectáculo dirixido a público familiar Xogos Paporrubio, que terá lugar ás 12.30 horas.
A seguinte cita será na Carballeira de Rodiño o domingo 10 de novembro. Para este día organízanse unhas Xornadas Micolóxicas. Ao igual que no caso anterior, esta actividade complementarase cunha actuación que correrá a cargo de Fredi&Cía. Porán en escena, a partires das 12.30 horas, o seu espectáculo Circanelo, dirixido a público familiar.
O programa Feiras Activas é unha iniciativa impulsada a través dos Departamentos de Cultura e Turismo de Boqueixón coa que se pretende incentivar e potenciar os mercados de Lestedo (no primeiro e terceiro domingo de cada mes) e de Rodiño (o segundo domingo de mes) aportando un valor engadido a través de propostas culturais e de lecer. Dende o Concello animan a veciñanza e visitantes a participaren nas distintas actividades propostas para este mes e para o vindeiro de novembro.