Friday 22 de November de 2024

O Pleno pon en marcha a Área Metropolitana cos votos a prol de todos os grupos agás os do Partido Popular, que se abstivo


 

O Pleno Municipal gardou un minuto de silencio en lembranza da histórica concelleira socialista Pilar Valiño

A Corporación acordou, cos votos a prol de todos os grupos agás a abstención do Partido Popular, impulsar a creación da Área Metropolitana e redactar un anteproxecto de lei que deberá ser enviado ao Parlamento galego. O voceiro socialista, Jose Manuel Lage Tuñas, asegurou que o executivo dá cumprimento aos pactos acadados co resto das forzas progresistas e alcaldesas e alcaldes da comarca. “A Coruña non pode constituirse de costas á comarca e o que se inicia hoxe é un trámite, unha vontade, que deberá materializarse” sinalou. Para Lage, a postura dos socialistas na comarca “non é novedosa, os socialistas apostamos por consorciar a xestión dos servizos cos municipios limítrofes””.

Neste senso, o voceiro do grupo municipal socialista criticou a actitude de non colaboración do PP xa que “non é entendible a súa postura que é consciente da realidade, pero que se opón por pasiva a un longo proceso que dependerá fundamentalmente do Parlamento Galego” e deixou claro que “se pon en marcha un proceso de cooperación para impulsar unha área metropolitana que xa existe, que é real e que, polo de agora, non ten un formato exclusivo nin unha única posibilidade de lei” en alusión ás críticas da portavoz do grupo de Partido Popular Beatriz Mato quen rexeitou a idea dunha Área Metropolitana por Lei.

O Partido Popular decidiu retirar da orde do día a moción para reclamar ó Goberno de España a transferencia ás entidades locais dos recursos derivados da participación nos ingresos do Estado ante a emenda presentada polos grupos de PSdG, Marea Atlántica e BNG, mentras que a moción para por en marcha un plan de choque para a recuperación dos espazos públicos saiu adiante cos votos a favor do propio PP, Marea Atlántica e Ciudadanos e abstención do BNG. O grupo municipal socialista opúxose o considerar que o Concello xa está traballando na fórmula máis axeitada de contratación para poñelo en marcha. “A pesares da situación en precario do contrato do servizo de limpeza, está a levar a cabo actuacións puntuais nos barrios”, apuntou Fontán. A concelleira de Medio Ambiente detallou todas as medidas que estanse a levar a cabo e anunciou que o seu
departamento está a elaborar unha Ordenanza de pintadas e grafitis.

A Corporación Municipal, despois de seis anos, a puxose dacordo en recuperar para uso público dotacional o edificio do mercado de Santa Lucía, reunirse cos representantes da Consellería de Sanidade para concretar o proxecto a realizar e axilizar todos os trámites administrativos necesarios para que o novo ambulatorio sexa unha realidade neste mandato. Ademais, o Goberno local demandará á Xunta a dotación orzamentaria suficiente para construír o centro de saúde. Deste xeito, todos os grupos acordaron a compatibilidade de usos para o inmoble. Tamén está previsto que o executivo manteña unha reunión coa veciñanza e comerciantes da Falperra para coñocer de primeira man as súas demandas.

Tamén aprobou (coa abstención do PP e Ciudadanos) a moción da Marea Atlántica, emendada polos socialistas, para recorrer a sentenza que obriga ao Concello a pagar 1,65 millóns de euros polo custo adicional das obras do túnel do Parrote e a reurbanización de superficie da Mariña executadas pola Autoridade Portuaria, titular do chan. O edil de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, asegurou que o Goberno local, sempre que os informes técnicos e xurídicos o avalen, defenderá os intereses municipais e esgotará a vía xudicial. Neste senso, Villoslada apelou ao Partido Popular a “non botar sombras permanentemente

sobre o que se fixo no pasado” en alusión ás relacións do anterior executivo coa Autoridade Portuaria. Ademais, o Goberno local, unha vez recepcionadas as obras, solicitará a cesión da titularidade dos terreos. Para iso, sinalaron, crearase un grupo de traballo permanente entre o Concello e a Autoridade Portuaria.

Outro dos asuntos aprobados foi o convenio asinado entre a entidade pública RED.ES e o Concello para poñer en marcha o programa piloto “Conecta Coruña” e o compromiso de dotar nos orzamentos de 2020 e 20121 de dúas partidas que garantan as cuantías que debe asumir o Concello. “Conecta Coruña” permitirá ao Concello conectar 213 edificios públicos mediante á plataforma SmartCity. A actuación, que inclúe edificios municipais, da Xunta, Universidade e Estado, entre outros, permitirá que as tecnoloxías informen sobre a xestión, eficiencia enerxética, seguridade, coordinación de tráficos, e mobilidade dos edificios da rede.

A concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, foi a responsable de expoñer o contido da Ordenanza de Igualdade na diversidade que contou co apoio unánime de todas a forzas que manifestaron o seu total compromiso coas políticas de igualdade. A concelleira de Benestar Social agradeceu o labor desenvolto polo anterior executivo da Marea Atlántica e alabou o traballo feito polos técnicos de Servizos Sociais. “O compromiso do Goberno local coas desigualdades e a loita contra a violencia machista é claro e verase reflectido nos orzamentos”, sinalou.

Neira explicou que, dentro dos escasos recursos da súa concellería, estase a realizar un mapa por zonas que permitirá facer unha diagnose dos problemas existentes e dos perfís das mulleres que solicitan os distintos servizos cos que conta o Concello para “empezar a dar respostas eficaces”.
Para Neira, “aínda que non se deben patrimonializar determinadas cuestións, non se pode esquecer que foi o PSOE quen aprobou a primeira lei integral contra a violencia de xénero e a lei autonómica de igualdade entre homes e mulleres” e pediu unidade na loita contra as desigualdades.

A ordenanza, establece o réxime xurídico da igualdade entre todas as persoas no ámbito do Concello da Coruña, atendendo á normativa existente nesta materia. Recolle, ademais, os principios en materia de igualdade de xénero que deben rexer nos órganos de goberno e na xestión municipal. Esta disposición de carácter normativo, explicou Neira, eríxese como un documento marco no que se fixan as bases para a política local de igualdade na diversidade “co obxectivo de xerar cambios na realidade do municipio”

A adhesión do Concello á declaración institucional do XII Pleno da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) a prol da Axenda 2030 dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable foi outro dos asuntos que abordaron os concelleiros no Pleno e que contou co apoio de toda a Corporación.

MOCIÓNS

A instancias dunha moción presentada por Cidadanos e aprobada por todos os grupos relativa a situación de precariedade económica que padece a Orquestra Sinfónica de Galicia, o Goberno local pedirá que se convoque a comisión mixta para revisar o convenio asinado entre a Xunta e a administración local co fin de adoptar medidas que apoien o traballo do Consorcio da Música. O edil de Cultura, Jesús Celemín, calificou “de inxustiza” o que está acontecer coa OSG e lembrou que a Xunta endebeda ao Consorcio desde 2011 cinco millóns de euros.

Por outra banda, a Corporación apoiou un plan de medidas contra a ocupación ilegal de vivendas. O Goberno local porá en marcha un plan de Protección da Convivencia e Seguridade Veciñal que terá que elaborarse antes de que remate o primeiro semestre do ano 2020. Ademais, reclamará ao Estado o incremento do cadro de persoal da Policía Nacional para reforzar a seguridade na cidade. Esta medida é froito da moción presentada por Ciudadanos aprobouse cos votos dos grupos do PP e do executivo local.

O voceiro socialista aclarou que “A Coruña é unha cidade segura”, pero que o Goberno é consciente das situacións que se viven na actualidade. “Temos a responsabilidade de

pensar no conxunto da cidadanía e defender o dereito á propiedade privada sen complexos”. Tamén inistiu na necesidade de “non mesturar as ocupacións ilegais das vivendas coa necesidade de garantir o dereito a unha vivenda digna impulsando un parque de alugueiro”.

Doutra banda, deuse luz verde a moción relativa a mellorar a calidade de vida dos maiores emendada polos grupos da Marea Atlántica e PSdG. Acordouse desenvolver un plan municipal específico para a mellora da calidade de vida e combater a soidade non desexada das persoas maiores antes de que finalice o ano con fin de incluílo nos orzamentos.

Ademais, os grupos votaron a favor da moción do BNG encamiñada a pedir ao Estado a modernización da liña ferroviaria entre Lugo- A Coruña-Ferrol e a realización da conexión co Porto de Punta Langosteira. O edil de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada criticou a falta de visión metropolitana da Xunta no eido das conexións ferroviarias que, na súa opinión, deben de ser transferidas aos concellos. “A nosa obriga é loitar polas infraestruturas de proximidade”, dixo durante a súa intervención.

O Concello tamén solicitará á Xunta que declare o ántigo cárcere provincial como Ben de Interese Cultural co compromiso do seu mantemento e para evitar o deterioro que está a sofrer. A declaración deberá levar aparellada un Plan Director de conservación que recoñeza a posibilidade de realizar actividades socioculturais no inmoble. Ademais, o Goberno instará ao Estado a executar as obras necesarias para garantir a conservación do cárcere. A Corporación deu luz verde a moción do BNG (enmendada pola Marea Atlántica) cos votos a prol de Ciudadanos e PSdG e o voto en contra do Partido Popular.

A moción dos nacionalistas (emendada pola Marea Atlántica) para a prevención e loita contra a ludopatía e outras adiccións contou co visto bo de toda a Corporación que acordou adoitar medidas encamiñadas a concienciar a sociedade sobre o perigo que conleva aos máis xóvenes.

E, por último, a Corporación aprobou por unanimidade unha declaración institucional pola mobilidade sostible que recolle as reivindicacións dos colectivos cidadáns.