A Oficina Agraria Comarcal de Ferrol e mailo Concello de San Sadurniño organizan unha acción formativa que estará centrada nos cultivares de mazá ecolóxica destinados á súa posterior transformación tanto en sidras como en zumes. Durante catro días abordaranse aspectos relacionados coa planificación das plantacións, as variedades máis axeitadas, os coidados e os procesos que deben seguirse trala colleita. De feito, no programa lectivo vai incluído un obradoiro de elaborados e tamén unha viaxe -aínda por determinar- relacionada coa obtención de maior valor engadido para as nosas mazás. Da parte técnica ocuparase persoal especializado da CFEA de Guísamo. O curso desenvolverase do luns 21 ao venres 25 de outubro polas tardes -de 17 a 21.00h.- na Casa da Xuventude. Trátase dun ciclo gratuíto que require inscrición previa chamando ao 981 490 027.
Para levar a cabo a actividade farán falla un mínimo de 10 persoas apuntadas. Terán prioridade titulares de explotacións agrarias ou persoas que estean traballando nelas. A formación conta con financiamento nun 75% dos fondo europeos FEADER e coa colaboración da Xunta de Galicia e do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.
O curso estrutúrase nunha parte teórica e outra práctica. Na primeira, que durará os tres primeiros días, abordaranse todos aqueles aspectos relacionados co cultivo ecolóxico e, nomeadamente, coa obtención de froitos de calidade que despois se han transformar en zumes e marmeladas. Produtos que, de manterse a cualificación ecolóxica tamén na elaboración, obteñen un alto valor engadido en puntos de venda especializados e tendas delicatessen que cada vez apostan máis por artigos de “quilómetro cero”, ou o que é o mesmo, producidos o máis preto posible do consumo final.
A segunda parte da formación ocuparase dos elaborados e de ver unha experiencia de éxito. Así, o xoves 24 a actividade trasladarase ao local social de Lamas para ver o sinxelo que é facer un zume de mazá, que non é máis que un mosto ao que se lle corta o proceso de fermentación con calor e baleiro. O proceso é simple, pero a calidade do resultado final depende de moitos máis factores, como por exemplo o estado de maduración da materia prima, das variedades empregadas e do mimo co que se trate a froita xa antes de sequera prensala.
Estas cuestións relacionadas co sabor e a cor do zume -que tamén pode seguir o seu camiño como sidra- coñeceranse con máis detalle o venres 25 nunha visita organizada ao Lagar de Ribela, situado na Estrada. Trátase dunha empresa familiar creada para a produción de sidra galega elaborada con variedades autóctonas amparadas polo distintivo da Agricultura Ecolóxica de Galicia. “O que se verá na Estrada é perfectamente trasladable á nosa zona, onde xa se están empezando a haber experiencias na transformación de mazás”, explica o titular de Desenvolvemento local Manolo Varela. “De momento son só probas para consumo doméstico, pero non hai nada que quite de facelo a maior escala. Aínda hai quen segue vendendo mazás por xunto para as sidrerías asturianas, da Estrada ou de Chantada, pero detectamos certo interese en que todo ese valor engadido que se está perdendo quede aquí. Cada vez hai máis xente que aposta por coidar as súas maciñeiras, temos moitas variedades propias adaptadas ao chan e ao clima, o que falta é pechar o ciclo”.
Neste sentido, o edil sinala que o futuro Centro de Transformación Alimentaria que se instalará en Moeche “será decisivo no aproveitamento de todo este potencial”. O centro é unha iniciativa na que están implicados os concellos de San Sadurniño, Moeche, Cerdido e Valdoviño. Xa hai finanzamento proveniente dos fondos Leader xestionados por Seitura 22, a Xunta tamén comprometeu unha achega de 12.000 euros para a experiencia e está pendente de concretar a colaboración da Deputación da Coruña, quen xa expresou a súa disposición a sumarse ao proxecto.
Nestes momentos estanse dando pasos para levar ao papel todas as cuestións técnicas da infraestrutura. “Levamos varias semanas visitando instalacións para coller ideas sobre como teñen planificadas as liñas de produción. Os catro concellos temos un anteproxecto do que vai levar o centro de transformación de San Ramón e agora estamos no momento de trasladalo aos planos coa distribución do equipamento e dos espazos, algo que agardamos ter listo en cuestión de días”, explica Varela.
En calquera caso, e volvendo ao tema do curso de transformación de mazá ecolóxica, cómpre lembrar que o prazo de inscrición nesta acción formativa está aberto desde hai uns días. Abonda con chamar ao 981 490 027 en horario de mañá para apuntarse. A día de hoxe xa o fixeron 11 persoas, polo que a actividade conta co mínimo imprescindible para ir adiante.