O Paseo do Parrote acolle hoxe e mañá a iniciativa “Galicia Calidade en ruta”, con showcookings e unha cata de viño para fomentar o consumo de produtos con este selo de garantía
A Consellería de Economía e Industria, a través de Galicia Calidade, desenvolve hoxe e mañá na Coruña a súa campaña “Galicia Calidade en ruta”, que está a percorrer as sete cidades galegas con demostracións, talleres e showcookings para achegar a profesionais e consumidores a excelencia dos seus produtos gastronómicos. No acto de inauguración estivo presente a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén Do Campo, e o director xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro.
Cabaleiro defendeu que esta marca é “o mellor pasaporte” das empresas galegas e subliñou que a campaña Galicia Calidade en ruta aposta pola calidade como o mellor xeito de acceder aos mercados máis competitivos e esixentes, xa que a marca representa o compromiso das empresas galegas co esforzo por ofrecer os mellores produtos e servizos; e o uso das mellores prácticas para a produción, elaboración e comercialización dos produtos. Pola súa banda, Do Campo agradeceu o paso pola provincia desta “caravana gastronómica” por tratarse dunha forma máis de promocionar a gastronomía galega, pois, engadiu, “grazas á calidade dos produtos galegos, a gastronomía converteuse nun dos principais atractivos do país a nivel turístico e un potente elemento de fidelización”.
A acción está enfocada aos profesionais do sector da gastronomía (hostalaría, restauración e retail), consumidores e prescritores, co obxectivo de poñer en valor os produtos do sector alimentario certificados por Galicia Calidade.
Galicia Calidade en ruta consiste nun roadshow no interior dun camión adaptado no que se realizarán diversos showcookings, catas de viños e degustacións de produtos amparados por Galicia Calidade. Esta iniciativa, que empezou o pasado 28 de novembro en Santiago, remata esta fin de semana na Coruña, despois de pasar por Ourense, Pontevedra e Lugo, Cambados, Vigo e Ferrol.
Na Coruña, dentro do camión adaptado situado no Paseo do Parrote, desenvólvense catro accións diferentes durante dous días. A primeira delas, denominada “Esencial”, consiste nunha degustación de “bocados de Galicia Calidade”, elaborados pola chef Marian Rodríguez, e que ofrece unha ampla mostra da versatilidade e excelencia dos produtos.
A segunda, denominada “De viños Galicia Calidade”, consiste nunha maridaxe dos viños amparados por este selo con outros produtos como os xamóns, embutidos ou queixos, baixo a dirección do sumiller Luis Paadín. Mañá, as 11.00 horas, celebrarase un taller especializado en “Almorzos Galicia Calidade”, nos que se porá en valor o café, a importancia da auga e do leite, e que contarán con acompañamento con kiwis e doces certificados. Pola tarde, o chef Iván Méndez desenvolverá o taller “A Lata de Galicia Calidade”, no que demostrará as posibilidades de adaptación das conservas a elaboracións gastronómicas moi sofisticadas.
A campaña Galicia Calidade en ruta, enmárcase na estratexia de reforzo de Galicia Calidade, unha marca recoñecida e valorada polos consumidores que conta con máis de 300 produtos certificados, de 51 empresas diferentes. Entre as empresas que contan con esta distinción figuran varias da provincia da Coruña de diferentes sectores como Estrella Galicia, Feiraco, Jealsa Rianxeira, Luis Escurís Batalla, A Pementeira, Ardentía, Fink Orfebres, Casa Brandariz, Coreti, Colterxy, Gallego Pereira, Orfega, Unión Joyera de Bergondo e Adegas Valdés.