O Concello de Noia abre hoxe xoves 3 de outubro o prazo para solicitar licenza de venda de flores para defuntos entre o 24 de outubro e o 1 de novembro (co gallo da celebración do “Día de todos os Santos”). Un prazo que estará aberto ata o 18 de outubro no Rexistro de Entrada do Concello, en horario de 9:00 a 13:30 horas.
Estará permitida a venda de flores de tempada (crisantemos e margaridas, tanto de xeito individual como en forma de centros florais), a titulares de establecementos autorizados e a aquelas persoas que o soliciten e lles sexa outorgada a licenza de venda de flores para defuntos.
Os puntos de venda emprazaranse na Praza do Tapal (xoves 24, domingo 27 e xoves 31 de outubro) e na rúa do Curro (o sábado 26, do luns 28 ao mércores 30 de outubro e o propio venres 1 de novembro). Os titulares de postos de venda de flores no mercado dos xoves e domingos tamén deberán solicitar esta licenza no caso de que queiran vender en días distintos aos xoves e domingos.