Friday 22 de November de 2024

Celemín destaca a aposta do Sea Sons Festival por darlles cabida a novos proxectos musicais


 

O concelleiro de Cultura presentou unha cuarta edición que terá lugar ata o venres e que mestura música en directo, diversidade e mar cunha feira na que se darán cita programadores de música

O concelleiro de Cultura, Jesús Celemín, acudiu esta mañá á presentación na Domus da cuarta edición do Sea Sons Festival, unha proposta organizada pola Asociación Cultural Tres por Cuatro, na que se conxugará ata o venres música en directo, diversidade e mar na Domus, no Aquarium, na Fundación Luis Seoane e no Castelo de San Antón e na que os profesionais do sector musical en Galicia terán un espazo no que crearen vínculos cos organizadores de eventos de todo o Estado.

Na presentación, participou o responsable de Tres por Cuatro, José Francisco Saavedra; o presidente do Club do Mar de Santo Amaro, Ángel Garmendia; e o edil, que destacou a aposta que se fai desde o festival por novos proxectos que van en sintonía cos de artistas xa consolidados e que responden a estilos de música variados.

A actividade inclúe a Feira Sea Sons Pro, na que haberá showcases, networking e mesas redondas e nela daranse cita programadores musicais. A actividade serviu así hoxe de plataforma de presentación da nova Asociación Cultural Nonito Pereira, que contou coa intervención dos artistas Carlos Goñi e Bieito Romero, que falaron do que significa o promotor coruñés para a música cunha forma de facer segura e apostando polo distinto, algo que tratarán de vertebrar pai e fillo na entidade recentemente creada.

PROGRAMACIÓN

Nesta entrega, o público poderá desfrutar da posta en escena de Allova que, influenciada polo trip-hop e a música electrónica, experimenta coa voz e o piano e que compartirá escenario con Ambigüo, unha banda coruñesa que repartirá indie rock. O percusionista e pedagogo Antonio Domingo formará tamén parte do cartel xunto con Carmen Penín, que, dunha pequena aldea arraiana de Ourense, fará parella co pianista Maurizio Polsinelli nunha edición na que Diario de Verano tocarán os temas de “El extraordinario hombre estacionario” e adiarán novidades e onde Ensamble Verxel introducirá a danza cun estilo de música en galego que achegará as persoas espectadoras á arte abstracta.

Maina Materia virá de Ferrolterra para completar tres días de concertos xunto coa cullerdense Lydia Botana, Perfusión, Mosquera Celtic Band, Sheila Patricia, Tania Fuegho, Sabela King & The Hearbreakers, Vudú e Ray Porto & Las Cruces.