O festival reúne a máis de 200 profesionais de especialidades como o Psicoblock, Skate, Parkour, Highline, Boulder e Slackline
Centos de persoas gozaron esta mañá no Parrote do festival Street Games Coruña, que desde onte celébrase na cidade. O festival atraeu a moitos curiosos e afeccionados que tiveron a oportunidade de ver exhibicións de ata seis disciplinas de deporte urbano como son o Psicoblock, Skate, Parkour, Highline, Boulder e o Slackline. O festival brinda ao público a oportunidade de participar en disciplinas pouco accesibles. É unha forma de incentivar as e os espectadores que se senten atraídos polas características de deportes que nacen no asfalto e que cada vez teñen máis adeptas e adeptos.
Os máis novos gozarán esta tarde e noite das competicións e exhibicións no muro vertical de 15 metros e sen corda, que deu cabida ao Psicoblock Master Series by Cabreiroá, no que se dá cita a élite internacional da escalada en bloque. Os exercicios acompañaranse de luces, sons e cores con dúas rutas que permitirán que as suban dous competidores á vez. O programa inclúe música ao vivo, talleres para que todos os públicos poidan iniciarse nas distintas variantes, exhibicións de profesionais e competicións ao máis alto nivel.
O deporte e diversión seguirán mañá coas semifinais e finais de skate e pola tarde coas finais de Boulder e Parkour Style e a celebración de distintos talleres e concertos.