Friday 22 de November de 2024

Familias do PAI “As Viñas” de Cabanas denuncian deficiencias no servizo de atención infantil e esíxenlle ao Concello que tome cartas no asunto


As nais e pais das vinte crianzas matriculadas no PAI “As Viñas” de Cabanas veñen de asinar un comunicado no que instan ao Concello, como prestador do servizo, a que lle dea unha solución aos problemas que, segundo aseguran, se veñen producindo no centro desde hai meses. Os máis graves serían a falla de limpeza nas instalacións e o incumprimento da obriga de manter en todo momento dúas coidadoras na aula. Tal e como denuncian, o trasfondo desta situación estaría nos problemas internos da empresa xestora, Novo Alicerce, razón pola que demandan que a administración local lle rescinda o contrato e se faga cargo do Punto de Atención á Infancia da súa titulariedade.

Os problemas que se veñen arrastrando desde finais do curso pasado fóronlle expostos hai escasos días ao alcalde, Carlos Ladra, e á concelleira de Servizos Sociais, Diana Rodríguez, de cara a que o Concello de Cabanas lles dea unha solución urxente por tratarse dun servizo municipal, aínda que con xestión externalizada.

No escrito rubricado polas nais e pais sinálanse unha serie de deficiencias que lle atinxen tanto ás condicións de limpeza da aula como ás da prestación do servizo por parte da empresa adxudicataria, nomeadamente no referido á comunicación coa dirección sobre o funcionamento do centro e á organización do cadro de persoal.

O comunicado rexistrado no Concello asegura que as instalacións do PAI “non se están limpando adecuadamente” e, neste sentido, menciónase que se teñen encontrado excrementos nos aseos dun día para outro, area no interior da aula, herba sen cortar e incluso manchas de ovo no chan malia existir entre o alumnado un caso de alerxia extrema a este alimento. Suciedade que “limpan as propias educadoras cando chegan pola mañá” e que podería ser caldo de cultivo para a propagación de virus.

Porén, o escrito exténdese especialmente nas críticas ao funcionamento da empresa que xestiona o servizo sinalando que na xuntanza de principios de curso “non se presentou ningún membro da dirección” nin para darse a coñecer nin para informar ás familias dos últimos cambios que se produciran na plantilla, coa substitución dunha das mestras do ano pasado por outra traballadora “que non foi presentada en ningún momento”.

Sobre este asunto, as familias denuncian que xa no curso 2018-19 “non se cubriron as ausencias das traballadoras, estando unha educadora soa, cando deberían estar tres” e que a alternancia de persoal foi unha constante durante o ano pasado con trazas de repetirse tamén no período 2019-2020: “non se ten en conta o que isto supón para nenos en idades comprendidas entre 0 e 3 anos. Para que a rapazada leve ben estes cambios fanse períodos de adaptación, que non teñen sentido se se cambia de persoal cada dúas por tres. No que levamos de curso varios usuarios/as do PAI están manifestando rexeitamento a ir, cando antes non era así”.

Tras enumerar as deficiencias na prestación do servizo, as nais e pais solicitan do Concello que, no caso da falta dunha das traballadoras, o posto se cubra sempre coa mesma persoa substituta “polo ben dos nenos e nenas” e que, ademais, se garanta a cobertura das ausencias puntuais que poidan producirse.

Tamén se piden cambios para unha correcta limpeza das instalacións e, no último punto do escrito, suxírese que o Concello de Cabanas se faga cargo do PAI rescindindo o contrato con Novo Alicerce ante unha situación cualificada polas familias como de “mala xestión” por parte da empresa que, en palabras da comisión de nais e pais, “non cumpre co seu contrato e non se preocupa nin polo benestar dos nenos e nenas nin polo das súas propias traballadoras, xerando un clima de preocupación xeralizado”.

Engaden que durante o ano pasado a empresa “incumpriu co pagamento dos salarios das traballadoras” e que esta circunstancia -que podería estar detrás dos problemas no servizo- “xa era coñecida polo goberno anterior do Partido Popular”, segundo aclara a portavoz do colectivo de familias, Rocío Freire, para despexar dúbidas sobre calquera intencionalidade política nas súas denuncias e para desvincularse do recente comunicado remitido aos medios polo PP cabanés denunciando a situación laboral do persoal do centro.

Desde a agrupación de nais e pais das crianzas usuarias -20 en total- insístese en que os problemas actuais e pasados trasladáronselle ao consistorio con “numerosas reclamacións” que non obtiveron “resposta nin solución”. Sobre a responsabilidade ante a falla de reacción municipal apúntase directamente á Traballadora social como “encargada de supervisar o correcto funcionamento do PAI” que, segundo se denuncia, “é coñecedora desta situación e non emitiu ningún informe nin informou aos seus superiores sobre estes feitos”.

Remata o comunicado -que xa foi rexistrado no consistorio- recordado que “é o Concello quen ofrece o servizo ” e que, polo tanto, “debe preocuparse pola calidade do mesmo […]As familias dos usuarios e usuarias do PAI pagamos por un servizo e esiximos que estea á altura das circunstancias”.