Saturday 16 de November de 2024

Comeza a campaña especial de vixilancia cun importante labor divulgativo nas rúas sobre os bos hábitos ao volante


As patrullas percorreron a cidade a pé, en moto e en coche con mensaxes nas pantallas dos vehículos e nos paneis de tráfico co fin de que a cidadanía contribúa a mellorar a seguridade viaria

O Goberno local comezou hoxe a campaña especial de vixilancia e control de estacionamentos incorrectos de vehículos coa presenza de unidades que fixeron ao longo do día un labor divulgativo sobre os bos hábitos a través de mensaxes nas pantallas dos vehículos e nos paneis de tráfico. Tamén, varias patrullas percorreron os puntos máis conflitivos a pé co fin de corrixir de xeito progresivo as malas prácticas de cara a sancionar nas vindeiras semanas os que producen “serios trastornos na mobilidade urbana e na seguridade das e dos usuarios”, como apuntou a alcaldesa Inés Rey na presentación.

Ademais dun control móbil que se realizará por toda a cidade, a novidade inclúe a activación das cámaras instaladas nos semáforos e que servirán para detectar os coches que están estacionados en dobre fila e que ata o de agora gozaron de certa impunidade. Neste punto non só se tratará de paliar os problemas xerados por esta cuestión, tamén os que se producen polas persoas condutoras que aparcan enriba de pasos de peóns e beirarrúas impedindo a súa circulación ou taponando a entrada de portais e ocupando as zonas de carga e descarga.

Desde Seguridade Cidadá recordan que todas as dotacións e o persoal de servizo participarán nesta campaña.