Sunday 24 de November de 2024

O Concello lanza unha campaña de vales de compra con 51.000 euros en premios e a participación de 500 establecementos dentro das accións de apoio ao comercio coruñés


O certame, o de maior contía en premios dos organizados pola Concellaría de Emprego e Empresa que dirixe Luisa Cid, prolongarase ata o 31 de decembro

A área de Emprego e Empresa, que dirixe Luisa Cid, puxo en marcha a campaña Compra no teu barrio… No hai cor baseada no sorteo de máis de 600 vales de compra que se realizarán entre os clientes do pequeno comercio e que repartirán 50.000 euros en premios, converténdose no certame con maior contía en premios dos organizados ata o momento pola Concellaría de Comercio.
A iniciativa, que foi presentada esta mañá pola concelleira de Emprego e Empresa, prolongarase ata o 31 de decembro e consiste en entregar papeletas aos que compren en calquera dos 500 establecementos participantes. A repartición farase co seguinte criterio: os clientes recibirán unha papeleta por compras de ata 20 euros, tres por unha compra de entre 21 e 50 euros e cinco por máis de 50 euros.
As papeletas deberanas cubrir os clientes e depositaranas nas urnas habilitadas para tal fin en cada unha das tendas adscritas á campaña. O sorteo celebrarase o 8 de xaneiro de 2015 e a relación destes é a seguinte:
– Un premio de 1.000 euros en vales de compra.
– 2 premios de 750 euros.
– 5 premios de 500 euros.
– 20 premios de 250 euros.
– 100 premios de 100 euros.
– 200 premios de 75 euros.
– 300 premios de 50 euros.
Así mesmo, concederase un premio extra de 1.000 euros ao comercio que conceda o primeiro premio e un segundo galardón á asociación de comerciantes á que pertenza o devandito establecemento consistente en servizos de asesoramento de imaxe e deseño gráfico.
Luisa Cid explicou que os vales premiados poderán cambiarse por compras durante o mes de febreiro xa que outro dos obxectivos da iniciativa é “favorecer a actividade do comercio local cunha inxección de compras bonificadas nun mes tradicionalmente malo para o sector”. Neste aspecto, recordou que a decisión de celebrar o certame durante as datas do Nadal tamén ten unha razón de ser: “Apoiar o comercio coruñés nunhas datas onde deben competir aínda máis coas grandes superficies, buscando máis estratexias para captar clientes,”.
Cid destacou a gran resposta dos comercios, con medio millar de inscritos, e as dimensións dun certame que chega a todos os barrios e bate récords tanto na contía dos premios coma respecto ao número de papeletas distribuídas: 150.000.
PLAN DE DINAMIZACIÓN DO COMERCIO
O concurso forma parte do Plan de Dinamización do Comercio Local deseñado polo actual Goberno municipal e que engloba as accións e estratexias deseñadas polo Concello en consenso co sector para apoiar, reforzar e revitalizar o comercio coruñés incidindo na fidelización do cliente e na consolidación da marca comercio coruñés. Nos últimos tres anos, a área de Emprego e Empresa puxo en marcha 24 campañas específicas e en distintas épocas do ano que contou cun total de 2.422 participantes e a súa implicación e apoio en grandes eventos para incentivar o comercio coruñés como Tenda, celebrado en outubro e no que participaron máis de 150 tendas e foi visitado por máis de 15.000 persoas.
A edil tamén destacou a boa acollida dos últimos concursos convocados polo Concello para dinamizar o comercio, con récords de participación nos dous últimos certames de escaparatismo (outono e Nadal) onde se incrementou un 21% o número de comercios respecto ás edicións de 2012, alcanzado os 189 inscritos. Así mesmo, indicou que a área de Comercio destinou máis de 120.000 euros en premios a sorteos, promocións e concursos para favorecer o comercio coruñés.
Luisa Cid subliñou que dende 2011, o Concello investiu máis de 3 millóns de euros para reactivar o comercio local fronte aos cero euros destinados en anteriores presupostos. Así, precisou que o Plan de Dinamización do Comercio recibe anualmente 700.000 euros, partida que se suman ás destinadas a convenios nominativos con todas as asociacións de comerciantes e as dúas federacións de comercio que, cunha media de 141.000 euros ao ano, permitiron financiar e apoiar máis de medio centenar de accións nos barrios, dende noites brancas ata o Día da Familia deEíris, talleres de animación en todos os barrios, a Feira da Cervexa na Cidade Vella, ou o Día do Comercio na Rúa da Falperra.