Friday 22 de November de 2024

Villoslada: “Imos levar a cabo unha mellora progresiva das liñas empezando polas máis ineficientes”


O concelleiro socialista asegura que a ferramenta fundamental para levar a cabo os cambios nesta materia será a Mesa da Mobilidade

O concelleiro de Mobilidade, Juan Díaz Villoslada, aclarou esta mañá que a reestruturación das liñas do transporte urbano é unha prioridade para o executivo local, pero farase de forma progresiva, “empezando polas máis ineficientes”. Entende que estes cambios non poden ser froito da improvisación e que deben atender a estudos rigorosos que finalmente se establezan na futura Mesa da Mobilidade que pensa poñer en marcha proximamente. “O que non imos facer é un cambio radical das liñas que poña patas para arriba a cidade, senón unha mellora progresiva de liñas. Queremos superar un esquema que ás veces foi excesivamente radial da articulación de liñas e por tanto é clave o compromiso da Xunta cun verdadeiro transporte metropolitano”.

O responsable do executivo en materia de mobilidade indicou que a constitución da Mesa da Mobilidade será a ferramenta fundamental para mellorar as políticas de mobilidade co maior consenso e rigor técnico. Sinalou que na mesa haberá participación dos grupos políticos municipais, e espera deles o seu compromiso para solucionar problemas.

O concelleiro entende que o aumento das conexións das liñas urbanas da cidade cos concellos limítrofes é unha estratexia que “deberemos intensificar”, apuntou Villoslada, en referencia á liña 24, a de Santa Cristina ou á liña 6, que se está abordando con Arteixo.