O voceiro do Goberno local, José Manuel Lage, reuniuse esta mañá coa Marea Atlántica, no que foi o primeiro encontro de negociacións para os orzamentos do 2020
O voceiro do Goberno local e concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage, valorou na rolda de prensa a xuntanza desta mañá cos representantes do grupo municipal de Marea Atlántica como “positiva”, con ela comezaron as negociacións cos grupos políticos municipais para os orzamentos do ano 2020.
O obxectivo do Goberno local “é que consigamos ter un orzamento para o 2020 que poida entrar en vigor ao longo do mes de xaneiro e para iso a tarefa vai ser intensa”, asegurou Lage, quen tamén dixo que “priorizamos chegar a acordos con Marea e tamén co BNg, pero a man está tendida ao conxunto de grupos municipais que queiran ser construtivos e cooperativos para cumprir este reto de dispoñer destes orzamentos en xaneiro”.
O Goberno de Inés Rey, segundo o seu voceiro, quere acordar “uns orzamentos progresistas e comprometidos coa cidade”, que estean asentados en tres piares: “na reactivación económica, na política social e no compromiso ambiental”, detallou José Manuel Lage.
No eixo da política social, o voceiro do Goberno local explicou que o obxectivo é “facer unha cidade habitable, con recursos suficientes para atender todas as necesidades da veciñanza, xa que iso é o que a cidade está a demandar”. Lage tamén aludiu á mellora das bolsas comedor e ao esforzo “para facer viable a gratuidade das escolas infantís de 0 a 3 anos, tal e como nos comprometemos os socialistas no programa de goberno e nos acordos políticos”.
Tras esta primeira xuntanza con Marea Atlántica, a semana que vén reuniranse co Bloque Nacionalista Galego e proximamente tamén se sentarán a falar cos grupos municipais de Ciudadanos e Partido Popular.
“O acordo con compromisos establecidos coa Marea Atlántica e co BNG teranse en conta nas negociacións”, dixo Lage, “xa que son as organizacións progresistas coas que temos un marco de negociación estable para os orzamentos” pero, asegurou, “sempre tendéndolle a man ao resto de grupos, xa que cremos que os intereses das coruñesas e coruñeses están por riba de todo”.