Friday 22 de November de 2024

Ordes xa conta coa súa escola de baloncesto grazas ao acordo de colaboración co Obradoiro CAB


 

Ambos os entes asinaron esta mañá o acordo de colaboración que terá vixencia dun curso durante a actual tempada, e que inclúe distintas medidas para fomentar a práctica desta modalidade deportiva no municipio

Esta mañá o Concello de Ordes e o Obradoiro CAB asinaron o convenio de colaboración para a creación da escola deportiva de baloncesto Ordes Obradoiro. Ambos os entes estiveron representados polo rexedor José Luis Martínez Sanjurjo e polo directivo Óscar Rodríguez Gutiérrez respectivamente. No acto, que tivo lugar no mesmo edificio consistorial, tamén estivo presente José Ángel Casal Fernández, presidente da fundación Heracles, ademais de persoal técnico do departamento de Deportes do Concello de Ordes.

O eixe principal deste acordo pasa pola posta en marcha da dita escola orientada ao baloncesto de formación, centrándose no eido das categorías Baby básket, Premini, Mini e Infantil, e coa vixencia do curso escolar durante a tempada 2019-20. Unha actividade que non se fará esperar xa que dará comezo mañá mesmo, xoves 10 de outubro, no pavillón Campomaior, en horario de tarde.

Será a Fundación Heracles, asemade do Obradoiro CAB, quen facilitará o cadro técnico, o cal estará en posesión do pertinente título deportivo habilitado pola Federación Galega de Baloncesto.

Entre outros compromisos adquiridos polo Obradoiro CAB para o fomento e a promoción do baloncesto figuran: a presenza na escola en momentos puntuais de xogadores e adestradores dos equipos ACB e EBA; achega de material para as competicións internas e invitacións para asistir a partidos do primeiro equipo; importantes descontos para participar nos campus de Nadal, Semana Santa e verán organizados polo Obradoiro CAB; o alumnado tamén poderá participar nos torneos e actividades sociais que o Obradoiro CAB organice.