A alcaldesa, Inés Rey, e o concelleiro Juan Manuel Díaz Villoslada, que se reuniron hoxe coa xunta de persoal do CHUAC, lembraron a existencia dunha parcela municipal coa que se podería frear a falta de prazas nun centro de grande afluencia
A alcaldesa, Inés Rey, e o concelleiro de Urbanismo, Juan Manuel Díaz Villoslada, reuníronse esta mañá coa xunta de persoal do CHUAC para lle buscar solucións ao problema de aparcadoiro que existe no Hospital Teresa Herrera, á espera de que a xerencia do Sergas dea un paso e que “poidamos traballar da man as dúas administracións para palialo”, sinalou a rexedora, quen engadiu que están traballando coa concesionaria a rebaixa dos bonos semanais, quincenais e mensuais, que actualmente son de 40, 70 e 100 euros, respectivamente, e que en comparación co aparcadoiro do CHUAC supoñen
30 euros máis ao mes, case 50 no caso das traballadoras e dos traballadores.
Rey recordou que existe unha parcela de uso dotacional para aparcadoiro que, pola súa propia dinámica de procedemento expropiatorio, non será unha solución a curto prazo, polo que remarcou que o máis inmediato é conseguir esa redución dos bonos coa implicación do Sergas: “Que eles tamén teñan a posibilidade de negociar coa concesionaria nas tarifas para as e os empregados e poñan a disposición algún terreo porque o Concello pode tratar de que diminúan o prezo dos bonos de carácter xeral, pero o Sergas si pode facer diferenciación para o seu cadro de persoal”. Neste punto, a alcaldesa sinalou que a negociación é completa, “son máis económicos os paquetes pero, de todos xeitos, a tarifa por minuto é excesiva”.
Pola súa parte, Villoslada explicou que están en contacto con EMVSA (Empresa Municipal de Vivenda, Servicios e Actividades), titular da explotación do aparcadoiro, que enviará estes días unha nova proposta de tarifa para as persoas usuarias e espera que o Sergas teña capacidade para aplicar máis vantaxes para o persoal sanitario.
Ademais, falou da intención do Goberno local de mellorar a eficiencia das liñas de bus urbano e apelar ao uso do transporte público. No caso do soar municipal, “hai que iniciar un proceso expropiatorio e habilitalo” porque non se construirá unha edificación, senón que será un aparcadoiro “brando” cunha integración ambiental ao estar situado na ribeira da ría.
No referente á baixada de prezos, puntualizou que non será por unha subvención municipal, “senón por cálculo dos usos que poida recibir con esa redución unha infraestrutura”, que, por outra parte, non chega a completarse.
A voceira da Xunta de Persoal, María Seijo, insistiu na situación preocupante que sofren as e os pacientes, familiares e traballadoras/es do Materno Infantil tras a desaparición de prazas de estacionamento gratuíto e os prezos “desorbitados” do seu aparcadoiro, “cun custo para as familias que non é aceptable”. Tras a dispoñibilidade do Concello, os sindicatos reuniranse a semana que vén co Sergas para que se actúe de forma inmediata, debido á elevada afluencia no centro, que ten unha media de 200 pacientes diarios fóra da hospitalización máis as súas familias”. Seijo manifestou que se deberían habilitar prazas públicas de balde para frear unha realidade que implica un desembolso mensual de 100 euros para o persoal profesional, segundo afirmou unha das afectadas, María Formoso.