A concelleira de Política Social asiste á xornada de portas abertas celebrada por Andaina PSM na súa sede ordense, onde ademais de talleres de xogos e mostras de pintura tamén se ofreceu unha charla a cargo da psicóloga Lola Ferreiro Díaz
Co gallo do Día Mundial da Saúde Mental a asociación Andaina Pro Saúde Mental organizou unha serie de actos na súa sede situada en Ordes.
Ademais da gran mostra de cadros e creacións realizados polos usuarios e usuarias nos seus obradoiros de arteterapia, o público asistente tamén puido disfrutar cos talleres de xogos e asistir ao relatorio ofrecido pola psicóloga Lola Ferreiro Díaz sobre a muller e a saúde mental. Susana García, concelleira de Política Social de Ordes, foi unha das numerosas persoas que esta mañá se achegou ata o local situado no numero 14 da rúa Emilio Pardo Bazán.
Alí a tamén presidenta da Mancomunidade de Ordes tivo ocasión de intercambiar opinións con Nazaret Dávila, coordinadora de Andaina PSM; así como co restantes membros do equipo da asociación. Entre os temas abordados non faltou o do suicidio, eixe central segundo a OMS deste día e considerado “como un dos problemas máis graves de saúde pública e que, consecuentemente, debe ser atendido de forma prioritaria”, tal e como se sinala no manifesto asinado pola Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (FEAFES) e cuxa lectura tamén se levou a cabo esta mañá. Por este motivo o lema escollido para este ano é Conect@ coa vida.
“Quérese reivindicar unha abordaxe transversal do suicidio para mitigar os seus efectos, traballando na prevención, detección, diagnóstico, tratamento e continuidade de coidados dos problemas de saúde mental, así como na súa visibilización” continúa o manifesto. E con tal fin xa está habilitada unha nova ferramenta aberta a todo o público. Trátase da páxina web www.conectacoavida.org.
300 mortes
Segundo datos oficiais, no mundo suicídase unha persoa cada 40 segundos, sendo a principal causa externa de mortalidade en España, e situándose Galicia como a segunda rexión con maior taxa de incidencia, superada tan só por Asturias, con arredor de 300 mortes ao ano por esta causa.
Dende FEAFES faise un chamamento aos medios de comunicación “para tratar dun xeito responsable este tipo de información”, e ás administracións públicas “a comprometerse e situar esta problemática no lugar que lle corresponde dentro das axendas políticas e sanitarias”. Por todo isto esixen “unha implementación real, efectiva e firme do Plan de Prevención do Suicidio de Galicia”.