A presidenta da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, Susana García, asistiu ao primeiro día do curso Fortalecemento da igualdade das mulleres na procura de emprego. Organizado por Radio ECCA conta co financiamento da Deputación da Coruña e coa colaboración do Concello de Ordes e do CIM da Mancomunidade de Ordes. A actividade consta dun total de 125 horas de formación, 45 delas presenciais, e está especialmente orientada a mulleres desempregadas maiores de idade.
“A formación é o primeiro paso para a igualdade”, manifestou Susana García, quen ademais felicitou a todas as alumnas “polo paso dado” e por “continuar mantendo activas as súas gañas de aprender e seguir preparándose de cara ao futuro”.
O contido do curso, cuxa data de finalización está posta para finais de novembro, divídese en tres módulos. O sociosanitario, sobre a intervención na atención hixiénico-alimentaria en institucións; o de emprego, orientado para a procura de traballo; e por último o de saúde, centrado na manipulación de alimentos e na problemática dos alérxenos e intolerancias alimentarias.