Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Lousame convoca a 17ª edición do Programa “Activa-Mente”, unha actividade gratuíta dirixida a maiores de sesenta anos


 

Os obradoiros comezarán a funcionar a vindeira semana, se ben a inscrición estará aberta durante todo o curso

A Concellería de Servizos Sociais do Concello de Lousame convoca por decimosétimo ano consecutivo o Programa “Activa-Mente”, unha actividade gratuíta dirixida a mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas maiores do municipio a través de actividades dirixidas a manter e mellorar capacidades como a atención, a memoria, o cálculo ou a linguaxe.

A concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo, explica que o obxectivo desta iniciativa é “mellorar a calidade de vida dos nosos maiores que, a través de exercitar a súa memoria, poden previr ou retardar a aparición do deterioro cognitivo. Ademais, con estas actividades promóvese a xuntanza veciñal para lembrar o que xa saben e seguir aprendendo cousas novas, como o ano pasado que nos fixeron desfrutar cunhas magníficas actuacións de teatro”. Así, mediante dinámicas e exercicios adaptados ao nivel do grupo e de cada participante, os maiores exercitan capacidades como a memoria, a atención, a linguaxe ou o cálculo.

O Programa “Activa-Mente” está aberto a todos os veciños e veciñas maiores de 60 anos. As actividades levaranse a cabo todas as semanas entre outubro e xuño nos distintos locais sociais das parroquias, impartidos por persoal dos Servizos Sociais do Concello de Lousame. A inscrición é totalmente de balde e está aberta durante todo o curso, polo que só é preciso poñerse en contacto cos Servizos Sociais de Lousame, chamar ao 981 820 494 ou por WhatsApp no 689 126 385.

As clases, de unha hora de duración, comezarán a impartirse a próxima semana nos distintos locais sociais das parroquias de Lousame. As sesións de presentación terán lugar o martes 15 de outubro en Sanguiñal (10:00 horas), Aldeagrande (11:30 horas), Vilacoba/Lesende (16:00 horas) e Escabia (17:45 horas); e o mércores 16 de outubro en Camboño (10:00 horas) e Cruído (11:30 horas).