Concellos como Bergondo, Ponteceso ou Culleredo dispoñen de infraestruturas de saneamento grazas as achegas económicas da Xunta de Galicia, que activa agora unha ferramenta voluntaria para que os municipios poidan asegurar o correcto funcionamento dos sistemas creados
A Xunta de Galicia investiu na última década máis de 232 millóns de euros en obras hidráulicas na provincia da Coruña para prestarlle apoio aos municipios no exercicio das súas competencias en abastecemento, saneamento e depuración de augas residuais. Estes investimentos acadan unha cifra 12 veces superior ao total da recadación do canon da auga na provincia, 19.370.703,62 euros.
Os investimentos autonómicos permitiron que concellos como o de Bergondo, Culleredo ou Ponteceso dispoñan na actualidade de infraestruturas para exercer as súas responsabilidades de xestión do ciclo integral da auga.
Os investimentos da Xunta efectúanse conforme a necesidades contrastadas, como o saneamento da Ría do Burgo, ou como as obras que actualmente está a impulsar Augas de Galicia en Rianxo, con 14 millóns de euros, ou en Ferrol, con preto de 7 millóns.
A recadación por parte da Xunta do canon da auga destínase integramente á construción de infraestruturas, ao coidado e conservación dos ríos e á loita contra os vertidos contaminantes. Moitos dos concellos galegos non destinan á conservación e á correcta xestión das infraestruturas hidráulicas as cantidades que recadan en concepto de taxas de abastecemento e saneamento.
Recentemente, a directora de Augas de Galicia detallou ante a Fegamp o reparto de investimentos realizado nos últimos anos.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade salienta que a sociedade pública de xestión do ciclo da auga estará participada de forma maioritaria pola Xunta, de forma que a Administración autonómica achegará sempre máis cartos que o conxunto dos concellos e as deputacións, a pesar de tratarse dunha competencia municipal.
A sociedade formulada pola Xunta permitirá acadar tarifas igualitarias, xestión profesionalizada e un reparto de investimentos baseado en criterios obxectivos.
O episodio de contaminación da auga vivido recentemente en Corme é un claro exemplo de que unha incorrecta xestión dos sistemas de abastecemento e depuración é un risco para a saúde pública.
O Goberno galego pide que se deixe a auga á marxe da política partidista e se aposte pola colaboración na materia en beneficio dos cidadáns, o medio natural e a actividade económica. Así mesmo, demanda a necesidade de que as deputacións provinciais, como administracións locais, se impliquen para solucionar unha cuestión de ámbito estritamente municipal.