As mozas e mozos titulares da tarxeta poderán obter un desconto do 10% en libros, cursos e oposicións
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asinou un documento de adhesión cos centros Adams da Coruña, Ourense e Santiago para sumarse ás vantaxes do Carné Xove. Este feito permitirá ao alumnado desta entidade que sexa titular do carné desfrutar de descontos do 10% en libros, oposicións e cursos que se realicen nos seus centros.
O Carné Xove é unha tarxeta persoal e intransferible á disposición das persoas de entre 12 e 30 anos coa que se obteñen descontos e vantaxes das entidades colaboradoras en Galicia, no resto das comunidades autónomas españolas e nos 40 países europeos adheridos a esta iniciativa.
A día de hoxe, son preto de 40.000 as rapazas e rapaces que desfrutan dos beneficios deste programa en Galicia. Estes poden acceder a descontos e outras vantaxes en servizos e produtos dos máis de 3260 establecementos adheridos a este programa, os cales pertencen a diferentes ámbitos: o cultural, do lecer, da mobilidade e da formación, entre outros. Ademais, o Carné Xove leva incorporado un seguro gratuíto para cubrir as continxencias que poidan xurdir nas viaxes que fagan os seus titulares.
Cómpre lembrar que as mozas e mozos que acrediten unha discapacidade igual ou superior ao 33% terán dereito á expedición gratuíta deste carné, así como as persoas vítimas de violencia de xénero e os seus fillos e fillas.