Adxudicouse a colocación de 460 metros de tubaxe de PVC
A Xunta de Goberno local aprobou no día de hoxe unha actuación destinada a solucionar con carácter definitivo as avarías no abastecemento de auga que, con relativa frecuencia, se estaban a rexistrar en Martín, lugar pertencente á parroquia de Santa Uxía de Riveira.
Neste senso, dende o Concello deuse luz verde a unha obra da que se encargará a empresa Excavaciones Darío, cun orzamento de 38.285 euros, IVE incluído.
Beirarrúas
A actuación incluirá a demolición e levantado de beirarrúas e pavimento de formigón na zona pola que descorre a antiga e deteriorada tubaxe de fibrocemento e a súa substitución por un novo conducto de PVC de 75 milímetros de diámetro e unha lonxitude de 460 metros. As beirarrúas do tramo afectado serán repostas integramente con baldosa hidráulica.
Está previsto que a empresa concesionaria da auga, Viaqua, colabore na execución da obra aportando algúns dos medios materiais.