Friday 22 de November de 2024

A Mancomunidade de Ordes demanda a continuidade  dos servizos prestados polas axentes de emprego  e drogodependencias


 

O pleno deste mes acordou solicitar ás consellerías de Economía e Sanidade a concesión das respectivas subvencións para seguir coa actividade en ambos servizos

Esta semana tivo lugar o pleno da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, no cal os representantes dos sete concellos que a integran acordaron por unanimidade continuar coa actividade profesional da axente de emprego e desenvolvemento local.
Con tal fin esta mesma semana iniciarase o trámite para solicitar a correspondente subvención á Consellería de Economía, Emprego e Industria, que permitirá sufragar os costes deste servizo. Deste xeito seguirase co procedemento levado ata o de agora, o cal permite a configuración dunha rede especializada na implantación das políticas activas de emprego, a xeración de traballo na contorna local, así como a creación e dinamización de actividade empresarial.
Por outra banda tamén se decidiu, igualmente con consenso de todas e todos os membros, seguir adiante co programa de prevención de condutas aditivas. Con tal motivo solicitarase a subvención correspondente á Consellería de Sanidade. Unha medida que permitirá seguir implantando políticas dirixidas a mellorar a dispoñibilidade e eficacia dos programas de prevención. Tamén a fomentar a sensibilización da poboación respecto do risco do consumo de substancias adictivas legais e ilegais e das súas consecuencias. Entre os requisitos cítanse as medidas de prevención, que deben incluír a detección e intervención temperáns, o fomento de estilos de vida saudables e a prevención específica dirixida tamén a familias e comunidades.