Saturday 16 de November de 2024

O Concello abre unha nova etapa de diálogo co sector pesqueiro da cidade


A alcaldesa, Inés Rey, e o edil de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, reuníronse esta mañá en María Pita con representantes da Fundación Fremss con motivo da presentación do VII Congreso de Sostibilidade Social e Económica do Sector Pesqueiro que a fundación organiza os días 5 e 6 de novembro

A alcaldesa, Inés Rey, e o edil de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, reuníronse esta mañá en María Pita con representantes da Fundación FREMSS (Fundación Rendemento Económico Mínimo Sostible e Social), entidade que aglutina o sector pesqueiro da cidade, con motivo da presentación do VII Congreso de Sostibilidade Social e Económica do Sector Pesqueiro, que a fundación organiza os días 5 e 6 de novembro.

A reunión, que foi unha primeira toma de contacto de carácter institucional, serviu para abrir unha nova etapa de diálogo e poñer sobre a mesa algún dos problemas que preocupa o sector da pesca na Coruña, así como algún dos retos que ten por diante. “A intención do Goberno local é a de abrir unha nova etapa marcada polo diálogo e involucrarse coa comunidade portuaria, en especial co porto e o sector pesqueiro”, explicou Inés Rey no transcurso do encontro.

Pola súa banda, os portavoces da FREMSS solicitáronlle ao Concello a súa colaboración nas campañas de promoción do peixe do porto coruñés e presentaron algunhas medidas concretas como a apertura da lonxa para degustacións, xornadas gastronómicas, showcookings…

Outras das cuestións que se abordaron foi o interese da Fundación FREMSS en que se avance no proxecto do ferry que uniría o porto da Coruña con Inglaterra e Irlanda coa posibilidade de transporte de peixe.

E, por último, analizouse o impacto nas empresas portuarias, especialmente no sector pesqueiro, dos últimos incrementos do IBI do Porto, así como da posibilidade de que o Concello actúe como intermediario coa Autoridade Portuaria para lograr unha maior colaboración da entidade na xestión dos residuos

A reunión contou coa presenza de Juan Carlos Corrás, presidente da Lonxa Torcuato Teixeira, vicepresidente da Lonxa e patrón da FREMS, e José Luis Outeiro, xerente da Lonxa.