José Manuel Lage, voceiro do Executivo local, valora a xuntanza de “cordial” e asegura que “a man está tendida a todos os partidos” cos que se manterán reunións ao longo deste mes
O voceiro do Goberno local e concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage, valorou na rolda de prensa a xuntanza desta mañá co persoal representante do grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego como “cordial” e, apuntou, “foi un encontro que permite avanzar para poder tramitar uns orzamentos progresistas”.
A de hoxe foi a segunda xuntanza do Goberno local cun grupo municipal para as negociacións dos orzamentos de 2020, cuxa intención é que poidan entrar en vigor ao longo do vindeiro mes de xaneiro. Lage asegurou que o Goberno municipal “quere falar con todos os grupos para que poidan participar e facer as súas achegas” posto que “todas as propostas que se fan van ser estudadas de xeito pormenorizado e vaise ver se encaixan dentro do orzamento”.
Nesta semana o Goberno de Inés Rey tamén manterá unha xuntanza co grupo municipal de Ciudadanos e fixarase unha data para o encontro co grupo municipal do PP, que será proximamente.
“Coa Marea Atlántica e co BNG ábrese un escenario de traballo conxunto no orzamento, fundamentado nos acordos marco e nos acordos de mandato que temos establecido”, explicou Lage, quen tamén lle quixo agradecer ao BNG “a súa posición de crítica construtiva e o feito de ser un grupo que non só defende as súas posicións senón que tamén é unha ferramenta útil apostando por políticas que somos capaces de acordar”.
Canto á fiscalidade, Lage asegurou que “non haberá unha rebaixa de impostos de forma global” e cualificou de “incompatibles” todas aquelas propostas que poidan vir de grupos municipais sobre “unha rebaixa de impostos en termos demagóxicos ou propagandísticos”, posto que “non se aliña coa nosa posición prudente na que temos que ser capaces de soster os servizos que se prestan”.
Aludindo á prudencia, o voceiro do Goberno local dixo que “aínda hai un mes de traballo por diante” e agardou poder chegar a un acordo xa que “iso será primar os intereses das e dos coruñeses”.