Saturday 16 de November de 2024

Moeche promociona este sábado as posibilidades da faba como parte dun sector primario máis diversificado


 

Este sábado 19 de outubro xuntaranse na nave dos tecidos do recinto feiral de San Ramón ducias de expositores con faba da máxima calidade e o obxectivo común de superar o éxito de vendas e público do ano pasado. Desde as dez da mañá celébrase a IV Feira da Faba de Moeche, coa que se quere recuperar o vigor que tivo no pasado este cultivo para convertelo hoxe en parte dun sector primario que aposte pola diversificación. Ao coincidir con día de mercado, a cita contará tamén con outros alimentos frescos e transformados -pan, queixos, peixe, etc.- e artesanía. A feira rodearase ademais de propostas paralelas como unha exposición sobre o traxe galego, obradoiros para a rapazada e un espectáculo de iniciación ao baile tradicional. Sobra dicir que tamén haberá degustación de fabada a prezos populares.

A IV Feira da Faba de Moeche comezará sobre as 10 da mañá coa apertura dos postos no interior dunha nave do mercado que, como adoita ocorrer nas grandes citas, aproveitará todo o longo das instalacións para acoller a oferta de legume, pero tamén a dos expositores habituais dos sábados.

Confirmaron xa asistencia produtores e produtoras de dentro e fóra de Moeche, como as agrupadas na cooperativa Terras da Mariña -especializada na variedade con IXP de Lourenzá e na verdina-, Fabas O Castelo, Legumes e fabas Sanjurjo e Acastrexa -coa súa tradicional faba de ril-, a quen seguramente se unirán nos próximos días algúns postos máis da nosa zona. Haberá cantidade e variedade suficiente para mercar malia que este ano semella que non vai destacar por grandes producións, aínda que si pola calidade do froito.

O Consello regulador da IXP Faba de Lourenzá -entidade que acredita a orixe e trazabilidade dese produto do norte de Lugo- agarda que a partir deste outono se comercialicen arredor de 12 toneladas de legume certificado e que os prezos en orixe anden entre os 6,50 e 7,50€ por quilo, dependendo das calidades. A tendencia en canto a producións e características da faba -outra cousa é o prezo- parece que se replicará tamén na nosa zona. Os fabais que agora se están apañando para debagalos non están tan vizosos coma outros anos pero, en xeral, os bagullos veñen cheíños e con faba limpa.

En resume, o sábado vai haber en Moeche moita e boa faba rodeada de máis cousas: pan e doces das panaderías da zona, chocolates traídos desde Ribadeo por Bombones Moreno, mel e produtos apícolas da Casa do Mel de Goente, queixos de aquí e tamén da zona de San Simón da Costa (da Queixaría Prestes), chacinas ancareñas comercializadas por Embutidos Suarna, etc. Canda o alimento, o recinto tamén reserva espazo para a artesanía das Lolas da Cascarilla -bonecas feitas con plana de millo-, para os artigos de coiro elaborados por Ana y Marcus, as bolsas e cestos de Stela ou a bixutería que atoparemos no posto de Bypi Artesanía.

E todo vestido cun programa paralelo que prevé outras actividades. Así, ás 11.30h. desenvolverase un obradoiro de maxia e malabares para a rapazada conducido por La GuaGua e, sobre as 12.00h., empezaranse a repartir a sempre gorentosa fabada -3€ ración- elaborada pola AVV Labacengos.

Tamén colabora co evento a AVV Val de Moeche traendo unha exposición de traxes tradicionais galegos da colección da veciña de San Xoán Loli Garrote, socia da entidade. Loli é filla do desaparecido folclorista Gonzalo Garrote, membro do Real Coro Toxos e Froles, do que foi percusionista en tempos de Manuel López Vergara e Constantino Bellón. Garrote foi ademais director artístico de honra do coro e fundador en 1968 da agrupación Terra Meiga.

Para as 13.00h. está previsto o comezo do espectáculo “As Armadanzas na punta do pé”, que chega a Moeche da man da Rede Cultural da Deputación da Coruña. As Armadanzas son Mercedes Prieto e Montse Rivera, quen levarán ao público ao mundo do baile tradicional galego-portugués cunha proposta pensada para participar, non para mirar. Con elas aprenderemos puntos básicos desta e da outra banda do Miño animados con historias e contos entre peza e peza. Trátase dun obradoiro ao que poderá sumarse calquera, teña a idade que teña, saiba ou non saiba bailar.

Cando rematen as Armadanzas darase por concluida a IV Feira da Faba de Moeche -14.00h.- co sorteo dun lote de produtos da feira. Esa é a previsión que reflicte o cartaz, aínda que o máis seguro é que o movemento na nave do mercado continúe ata as catro ou cinco da tarde, igual que ocorreu o ano pasado. Por iso, quen pase por alí despois de xantar (para o que se pode aproveitar algún dos restaurantes da zona), seguirá atopando ambiente e, posiblemente, faba para mercar.

Un cultivo tradicional vido a menos pero con moito futuro
A cuarta edición da Feira da Faba de Moeche naceu co obxectivo de promocionar un legume que noutro tempo supuña un importante complemento económico para as economías familiares. Ata hai relativamente pouco, as feiras do 11 e do 23 dos meses de outubro e novembro eran citas obrigadas para darlle saída ao excedente da comarca, que partía desde Moeche para o resto de Galicia, incluída a Mariña luguesa.

A prensa local publicaba hai uns 35 anos que neste tempo chegaron a comercializarse en San Ramón 60.000 quilos de fabas, catro veces máis que as acollidas hoxe á IXP Faba de Lourenzá. Un dato significativo da gloria pasada da faba desta zona, pero tamén o potencial que ten se se aposta por ela.