A Sala Isabel Castelo do Aquarium acolle desde hoxe ata o 31 de decembro as imaxes premiadas no concurso European Wildlife Photographer of the Year
O concelleiro de Cultura, Jesús Celemín, asistiu esta mañá no Aquarium á presentación da exposición Fotógrafos da Natureza 2019, que reúne as imaxes premiadas no concurso European Wildlife
Photographer of the Year, organizado pola GDT (Sociedade Alemá de Fotógrafos da
Natureza) desde o ano 2001. As fotografías, que se poderán ver desde hoxe ata o
31 de xaneiro na Sala Isabel Castelo, non só mostran a beleza do mundo natural senón que tamén “convidan á reflexión e á toma de conciencia sobre os problemas ambientais que ameazan a integridade dos ecosistemas naturais”, explicou o edil de Cultura.
Para Celemín, o terceiro museo científico da Coruña comparte plenamente o obxectivo desta exposición: “o acuario inaugurouse o 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente. Con esta coincidencia pretendíase destacar o compromiso deste museo coa conservación do ambiente e os ecosistemas mariños”. E quixo destacar o feito de que a Sala Isabel Castelo “é unha das poucas salas no ámbito nacional dedicada en exclusiva ás fotografías de natureza”.
Pola súa banda, o director técnico do Aquarium, Francisco Franco, explicou que este ano a exposición facíase coincidir co inicio do curso escolar para atraer o estudantado “respondendo deste xeito á vocación didáctica e divulgativa do museo” e fixo un percorrido pola mostra explicando as distintas temáticas dunhas imaxes que van desde as máis reivindicativas e de carácter xornalístico que denuncian a
necesidade urxente de protexer e coidar o noso planeta, ata as máis poéticas e mesmo algunhas que parecen obras de arte abstracta.
O gañador absoluto deste ano é o fotógrafo español Cristóbal Serrano, cunha imaxe aérea de flamencos ananos no Lago Bogoria. Ademais de Cristóbal Serrano, nesta edición do concurso foron finalistas 13 fotógrafos españois, 3 deles gañadores en tres categorías: Jaime Culebras coa mellor foto de Aves; David Frutos Egea, na categoría de Paisaxes; e Joan de la Malla gañador na sección Ser humano e natureza. “É, así, a edición con maior número de fotógrafos españois gañadores nalgunha das categorías”, destacou o concelleiro.
A exposición completa contén 85 imaxes gañadoras e finalistas nas diferentes categorías do concurso: Aves, Mamíferos, Outros animais, Plantas e fungos, Paisaxes, Mundo submarino, Ser humano e Natureza, Forma e composición, Mellor fotógrafo/a menor de 14 anos, Mellor fotógrafo/a entre 15 e 17 anos.