As instalacións situaranse na antiga nave dos queixos do recinto feiral de San Ramón, en Moeche, que será remodelada por completo
A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural acaba de comunicar a concesión dunha axuda de 119.022,91€ para as obras e o equipamento do futuro Centro comarcal de Apoio ao desenvolvemento rural que se instalará no recinto feiral de San Ramón, por iniciativa dos concellos de San Sadurniño, Moeche, Cerdido e Valdoviño. A AGADER confirma deste xeito a proposta de adxudicación de fondos para o proxecto elaborada polo GDR Seitura 22, encargado da valoración das iniciativas do plan Leader na nosa zona. A idea obtivo un total de 83,25 puntos segundo os criterios de valoración estipulados na convocatoria. De feito, de acordo con esta puntuación, ao proxecto correspondéronlle 181.444,28€ de subvención -o 90% do orzamento aceptado- dos que só se lle asignaron eses algo máis de 119.000, de acordo coas posibilidades de reparto económico que ten neste momento o GDR. Os catro municipios implicados prevén acondicionar a antiga nave dos queixos de Moeche como centro de transformación alimentaria equipado para o procesado de zumes, meles e outros produtos da terra en condicións sanitarias óptimas. O custe total da infraestrutura estímase en 207.000 euros.
Para cubrir todo este investimento, San Sadurniño, Moeche, Cerdido e Valdoviño teñen xa asegurados os 119.000 euros do Leader e existiría a posibilidade, aínda que non é seguro, de que o GDR consignase máis adiante os 62.000 euros de axuda que non se puideron facer efectivos agora, tirando para iso de partidas financieiras que neste momento están á espera de seren asignadas a outros proxectos pero que poderían quedar libres ou con fondos dispoñibles máis adiante.
Ademais da axuda confirmada -nutrida con fondos FEADER, da AGADER e do Ministerio de Agricultura-, a Consellaría do Medio Rural tamén comprometeu outros 12.000 euros para a elaboración do proxecto técnico de toda a intervención, tanto obras como maquinaria instalada, que se lle vai remitir esta mesma semana á Dirección Xeral de Gandeiría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias.
Para completar o orzamento total da actuación, cifrado en 207.000 euros, faltarían a día de hoxe arredor de 76.000 euros, que os concellos implicados agardan cubrir con achegas conxuntas e, sobre todo, coa participación económica da Deputación da Coruña.
En calquera caso, o Centro comarcal de Apoio ao medio rural vai en serio e está encamiñado. A súa finalidade será a de servir como centro de transformación para todo tipo de produtos da terra -mel, zumes, conservas, etc.-. Na práctica será unha pequena planta de elaboración dotada do necesario para garantir a calidade do produto final e unha absoluta seguridade alimentaria. Dentro da antiga nave dos queixos de Moeche, que será necesario remodelar por completo, haberá, entre outro equipamento, un pasteurizador, extractor e desoperculador de mel, decantadores, un tanque de lavado, unha zona de procesamento, prensa, espazo de almacén e incluso un grupo electróxeno especial.
O pasado mes de novembro, os rexedores de San Sadurniño, Moeche, Cerdido e Valdoviño asinaron o acordo de cooperación de cara a poñer en marcha o centro, que tamén pretende ser espazo formativo e de dinamización das posibilidades económicas que aínda ten por explotar o noso medio rural. Nel organizaranse cursos, charlas e xornadas relacionadas en todo caso cun modelo de produción alimentaria sustentable que atenda principalmente a mercados de “quilómetro cero”.
Unha vez que se constate todo o apartado financieiro, os municipios contratarán as obras e elaborarán o plan de xestión, para o que se procurará a colaboración de entidades do territorio. Ademais tamén se deberá preparar unha ordenanza reguladora que fixe os servizos ofertados e as taxas que aseguren o seu sostemento económico como servizo público sen fins de lucro enfocado a particulares e pequenas explotacións.