Saturday 16 de November de 2024

O Coliseo Noela acollerá este venres 18 de outubro a preestrea do primeiro capítulo do programa “Anacos de Vida”, gravado en Noia


 

O Coliseo Noela acollerá este venres 18 de outubro, ás 20:30 horas, a preestrea do primeiro capítulo de “Anacos de Vida”, gravado no municipio de Noia. Así, o episodio recolle a historia de Pepe Barrio, gran deportista e unha das persoas máis respectadas e queridas do municipio; así como os preparativos da homenaxe ás dúas primeiras matronas de Noia: Angelita Durán e Pepita “A Pola”, organizada polo Concello de Noia.

“Anacos de Vida” é un programa de televisión de Arraianos Producións para a CRTVG centrado na recuperación da memoria gráfica e oral. Ideado e dirixido por Aser Álvarez e Arraianos Producións, o equipo percorre diferentes vilas e aldeas de Galicia a bordo dunha máquina do tempo (un autobús de época) para descubrir pequenas e grandes historias que se agochan tras das fotos antigas dos arquivos familiares.

Un programa que a CRTVG estreará este sábado 19 de outubro, ás 19:00 horas, e cuxo primeiro capítulo está gravado integramente na vila de Noia. Neste enlace podes descargar algunhas das fotos antigas que aparecen no capítulo: https://we.tl/t-CR3PJR1BHI?src=dnl