A escola tamén estreou esta semana unha nova biblioteca
Superado o período de adaptación, as tres unidades da Escola Infantil Municipal A Rolada están xa metidas na dinámica normal do curso. As nenas e nenos botan a mañá brincando e facendo actividades propostas polas mestras e algúns días tamén teñen sesións musicais ou de contacontos centradas no desenvolvemento da linguaxe e da psicomotricidade. Hoxe, por exemplo, houbo curso de inglés. Si, de inglés, aínda que nada teórico nin aburrido ao que a cativería nin atendería nin entendería, senón un xeito de familiarizarse con esa lingua estranxeira ben divertido e participativo. A idea promoveuna a ANPA do centro con finanzamento da subvención anual que percibe do Concello e está previsto repetila alomenos durante catro meses.
A actividade impartiuna unha profesora nativa que falou en inglés desde o momento en que entrou na aula. Porén, en vez de ofrecer unha clase ao uso, o que fixo foi contar un conto de animais onde, ademais de aprenderen o nome de cada un deles, os nenos e nenas tamén foron quedando cos nomes das cores ou as partes do corpo.
O obxectivo non era tanto esa aprendizaxe como o feito de que as crianzas se vaian afacendo á escoita dunha lingua distinta do galego ou do castelán que lles falaron desde que naceron. Un proceso de familiarización a través do oído que, de seguro, lles ha valer de moito cando vaian máis grandes e teñan que estudar o inglés na escola.
A actividade dividiuse en dúas quendas de 45 minutos de duración, unha para a aula de 1 a 2 anos e outra para a de 2 a 3. A ANPA da EIM A Rolada programou unha sesión cada mes de aquí a xaneiro con posibilidade de prolongala durante o resto do curso se se ve que a cousa funciona tan ben como parece que o está facendo.
Nova biblioteca
O inglés non é a única novidade que depararon estes primeiros compases do curso. E é que desde onte mesmo o centro conta cunha biblioteca un tanto especial. Os libros xa os tiñan, pero faltaba un lugar para telos ordenados. Ás mestras ocorréuselles colocar uns pequenos andeis polo corredor principal da escola e falar co artista local Carlos García para que deseñase ao seu xeito algo que identificase o espazo literario.
Coma sempre, o traballo de García e da súa compañeira Marina Goti -os dous pés de 2Duendes- superou todas as expectativas. As mestras déronlle liberdade creativa á parella, agardando só un texto que puxese “Biblioteca d’a Rolada” ou algo polo estilo. Pero cando chegaron o luns pola mañá atoparon un fermosísimo mural cheo de paxariños e motivos relacionados coa natureza que segue a mesma liña gráfica do pintado o ano pasado por Goti e García na zona do comedor.
Todo un agasallo para a vista, en especial para a dos nenos e nenas que agora teñen un motivo máis de alegría -ou de menos pesar- cando entran na escola ou cando vaian elixir o conto que toca cada día.