Friday 22 de November de 2024

San Sadurniño postúlase para entrar na executiva do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade


O consistorio podería ocupar a vicepresidencia durante os próximos catro anos

 

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade pechará o xoves 10 de outubro o mandato 2015-2019 e abrirá o novo ciclo 2019-2023 cunha Asemblea Xeral na que se someterá a aprobación a composición da nova Comisión Executiva, proposta pola saínte. A entidade convocou a representantes dos 97 concellos e das tres deputacións socias a participaren na xuntanza que se celebrará en Santiago de Compostela e da que sairá o máximo órgano do Fondo. San Sadurniño postulouse como un dos municipios dispostos a integrarse na comisión ocupando, previsiblemente, a súa vicepresidencia.

A sesión que terá lugar na Cidade da Cultura dará comezo co balance dos últimos catro anos, nos que a Presidencia do Fondo Galego lle correspondeu ao Concello de Nigrán, a Vicepresidencia a Redondela e a Tesourería a Pontevedra, mentres que a Secretaría continuou exercéndoa o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), impulsor da iniciativa nos anos 90. As vogalías correspondían ata o momento aos concellos da Coruña, Cartelle, Monforte de Lemos, Oleiros e á Deputación da Coruña, buscando sempre a creación dun espazo transpartidario e mantendo o equilibrio entre provincias, municipios grandes e pequenos e incluso un mesmo peso entre a costa e o interior do país.

As políticas e políticos designados como enlace co Fondo Galego en cada unha das administracións locais e provinciais socias están convocados á Asemblea, aínda que poden delegar noutra ou noutro representante político ou técnico. Deberán confirmar a asistencia antes do día 9 deste mes e desde o ente insístese na necesidade de acadar a máxima participación por tratarse dunha “xuntanza clave e especialmente relevante”.

Da mesma maneira, o Fondo tamén fixo onte mesmo un chamamento para que aqueles municipios socios que mudaron tralas últimas eleccións locais comuniquen as designacións oficiais das persoas que os representarán nas asembleas.

Con todo, de cara a ese encontro do 10 de outubro xa hai municipios que se postularon para entrar na comisión executiva. É o caso de San Sadurniño, quen podería ocupar despois desa data a vicepresidencia do organismo. Alén dos proxectos que se vaian levar a cabo durante os próximos catro anos de mandato, unha das cuestións que en primeiro lugar abordará a comisión entrante será a actualización dos seus estatutos. Ese foi un dos temas tratados na xuntanza mantida esta mañá pola concelleira de Igualdade, Ana Belén Breixo, a técnica municipal Verónica Rodríguez e a secretaria do Fondo, Andrea Acorzo. Tal e como explicou Ana Belén Breixo ao remate do encontro “a idea é modificar os estatutos para adaptalos a unha linguaxe inclusiva e con perspectiva de xénero, ademais de substituír conceptos e definicións que na actualidade están superados. Son cambios mínimos de redacción que non lle afectarán nin ao xeito de funcionar do fondo nin tampouco aos seus obxectivos”.

Sobre a entrada de San Sadurniño na executiva, Breixo indicou que o Concello “leva tempo implicado de forma moi activa no funcionamento do Fondo” e que, neste sentido, formar parte do seu máximo órgano “é un paso máis no compromiso que temos adquirido cos proxectos de cooperación para o desenvolvemento”.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 97 concellos e as deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos na realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten levado a cabo máis de 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación cos desequilibrios Norte-Sur.