Dous talleres serán de carácter dual e un está reservado para menores de 30 anos a través do Sistema de Garantía Xuvenil
O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, informou da resolución completa do obradoiros de emprego dirixidos aos concellos, mancomunidades e entidades públicas dependentes que permitirá a realización dun total de 3 talleres na comarca de Ferrolterra, dos cales dous deles son de carácter ordinario, onde participarán alumnos e alumnas de calquera idade e 1 de garantía xuvenil, para mozos e mozas menores de 30 anos. Mediante estas iniciativas a Consellería de Economía, Emprego e Industria investirá en políticas activas de emprego na comarca máis de 852.000 euros.
Os obradoiros duais son os de Vilarmaior compartido con Aranga, Irixoa e Monfero e o de Mugardos con Ares, Cabanas, Fene e Neda. Pola súa banda, o obradoiro de garantía xuvenil impartirase en Fene compartido con Cabanas, Ares, Mugardos e Neda.
Estes obradoiros permitirán que un total de 56 persoas desempregadas se formen nun oficio mentres realizan tarefas en beneficio de espazos e instalacións públicas. Os participantes recibirán un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado. A duración dos obradoiros xerais serán de 9 meses e os de garantía xuvenil de 6 meses.
Ovidio Rodeiro destacou que “na selección deuse prioridade aos proxectos promovidos por concellos agrupados ou resultantes da fusión da dous ou máis nos 10 anos anteriores, aos concellos emprendedores – dos 156 municipios beneficiados en toda Galicia, 0 55% son emprendedores- e aos proxectos relacionados coas TIC e coa economía dixital”.
Os participantes nos obradoiros duais poderán combinar un contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses, cun contrato en prácticas, de como mínimo tres meses máis, nunha empresa emprazada no mesmo ámbito territorial e cunha actividade vinculada ás materias do obradoiro. O obxectivo é seguir mellorando o emprego nos concellos galegos, especialmente os do rural, adaptando a oferta formativa ás súas demandas e necesidades de contratación.
A nivel provincial, os 25 obradoiros de emprego que se organizan este ano na Coruña permitirán a formación de 444 alumnos grazas a un investimento de máis de 6,7 millóns de euros
Os obradoiros centraranse na realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral. Esta formación impulsa tamén o emprendemento, xa que os beneficiarios recibirán formación específica que lles permitirá iniciar os seus propios proxectos.
A selección dos alumnos e alumnas realizarase a través das oficinas de emprego. Terán preferencia, en xeral, as persoas beneficiarias da Renda de Integración Social de Galicia (Risga); mulleres; vítimas da violencia de xénero; menores de 30 anos; traballadores que esgotaran as prestacións ou subsidios por desemprego; parados de longa duración; maiores de 45 anos; persoas sen titulación universitaria ou de FP de grao superior; e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.
No caso dos obradoiros xuvenís, os participantes deberán tamén estar inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil e as actividades que realicen estarán relacionadas, de ser o caso, coa titulación ou formación previa que posúan. Primaranse a aqueles participantes que non recibiran atención anteriormente no programa de Garantía Xuvenil.
Os obradoiros de emprego, que empezaron a partir do 30 de setembro deste ano, forman parte da Axenda 20 para o Emprego que inclúe, entre os seus obxectivos, mellorar a formación, capacitación e especialización dos traballadores ao longo da vida laboral como panda de cambio. Permite, ademais, actualizar a formación para o emprego nun contexto de aparición de novas ocupacións e transformación e desaparición doutras.