Tres obradoiros terán un carácter dual mentres que outros dous están reservados para menores de 30 anos a través do Sistema de Garantía Xuvenil
O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, participou, esta mañá no acto de apertura do Obradoiro de Emprego Xuvenil de Muros, compartido con Carnota, no que 8 alumnos se formarán en limpeza de espazos abertos e instalacións industriais e outros 8 en operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais.
Este taller de emprego conta cun investimento de 180.000 euros, As alumnas e alumnos realizarán a parte práctica coa limpeza e revalorización de espazos públicos dos municipios de Muros e Carnota e nos servizos administrativos xerais e no rexistro de ambos concellos.
O representante do goberno autonómico aproveitou a visita para informar da resolución completa dos obradoiros de emprego dirixidos aos concellos, mancomunidades e entidades públicas dependentes que permitirá a realización dun total de 5 talleres na comarca do Barbanza, 3 deles de carácter dual, (onde participarán alumnos e alumnas de calquera idade) e 2 de garantía xuvenil, para mozos e mozas menores de 30 anos. Mediante estas iniciativas a Consellería de Economía, Emprego e Industria investirá en políticas activas de emprego na comarca 1.201.115 euros.
Os obradoiros duais terán lugar Lousame, compartido con Noia en Rianxo e en Ribeira. Pola súa banda, os obradoiros do garantía xuvenil, realizaranse en Muros, compartido con Carnota e no concello de Boiro.
Estes obradoiros permitirán que un total de 82 persoas desempregadas se formen nun oficio mentres realizan tarefas en beneficio de espazos e instalacións públicas. Os participantes recibirán un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado. A duración dos obradoiros xerais serán de 9 meses e os de Garantía Xuvenil de 6 meses.
Ovidio Rodeiro destacou que “na selección deuse prioridade aos proxectos promovidos por concellos agrupados ou resultantes da fusión da dous ou máis nos 10 anos anteriores, aos concellos emprendedores – dos 156 municipios beneficiados en toda Galicia, 0 55% son emprendedores- e aos proxectos relacionados coas TIC e coa economía dixital”.
Os participantes nos obradoiros duais poderán combinar un contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses, cun contrato en prácticas, de como mínimo tres meses máis, nunha empresa emprazada no mesmo ámbito territorial e cunha actividade vinculada ás materias do obradoiro. O obxectivo é seguir mellorando o emprego nos concellos galegos, especialmente os do rural, adaptando a oferta formativa ás súas demandas e necesidades de contratación.
A nivel provincial, os 25 obradoiros de emprego que se organizan este ano na Coruña permitirán a formación de 444 alumnos grazas a un investimento de máis de 6,7 millóns de euros
Os obradoiros centraranse na realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral. Esta formación impulsa tamén o emprendemento, xa que os beneficiarios recibirán formación específica que lles permitirá iniciar os seus propios proxectos.
A selección dos alumnos e alumnas realizarase a través das oficinas de emprego. Terán preferencia, en xeral, as persoas beneficiarias da Renda de Integración Social de Galicia (Risga); mulleres; vítimas da violencia de xénero; menores de 30 anos; traballadores que esgotaran as prestacións ou subsidios por desemprego; parados de longa duración; maiores de 45 anos; persoas sen titulación universitaria ou de FP de grao superior; e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.
No caso dos obradoiros xuvenís, os participantes deberán tamén estar inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil e as actividades que realicen estarán relacionadas, de ser o caso, coa titulación ou formación previa que posúan. Primaranse a aqueles participantes que non recibiran atención anteriormente no programa de Garantía Xuvenil.
Os obradoiros de emprego, que empezaron a partir do 30 de setembro deste ano, forman parte da Axenda 20 para o Emprego que inclúe, entre os seus obxectivos, mellorar a formación, capacitación e especialización dos traballadores ao longo da vida laboral como panda de cambio. Permite, ademais, actualizar a formación para o emprego nun contexto de aparición de novas ocupacións e transformación e desaparición doutras.