O Goberno local comezará a próxima semana a negociar os orzamentos do 2020
A Corporación deu esta mañá luz verde ao modificativo de crédito de 2.997.473,27 euros que asegura o incremento de fondos para as rendas sociais e de emerxencia social. Todos os grupos políticos, o grupo municipal do Partido Popular abstívose, respaldaron o cambio nas contas para que as axudas sociais poidan ser pagadas.
O modificativo inclúe a concesión de tres créditos extraordinarios e 14 suplementos de crédito. Destínase un incremento de crédito de 417.000 euros a rendas sociais. Este suplemento servirá, segundo se dixo, para sufragar mensualidades que non estaban cubertas polo orzamento previsto. Este modificativo, explicou o portavoz, permitirá facer fronte ao pago das rendas sociais e as de emerxencias sociais no conxunto do exercicio
2019 e incorporar novas actuacións. Trátase dun total de 243 rendas avaliadas e concedidas e que na actualidade xa se están sufragando.
A outra partida de 240.000 euros destinarase a emerxencia social. Durante este ano concedéronse 1.442 axudas de emerxencia social e está previsto que se paguen un total de
554 novas solicitudes. É dicir, este ano atenderanse un total de case 2.000 solicitudes de emerxencia social.
A Corporación tamén asumiu no expediente do modificativo a emenda introducida polo grupo de Marea Atlántica que servirá para incrementar os fondos destinados para poder
levar a cabo obras de reforma nos colexios. Un total de 62.553 euros para arranxar danos nas escola infantil municipal Arela e no CEIP San Francisco Javier.
O portavoz do Goberno local e portavoz de Economía e Facenda, José Manuel Lage, agradeceu “que todos os grupos apoien este modificativo, hai 243 rendas sociais concedidas neste ano, a xestión foi exemplar e dilixente, pero sobre todo rigorosa. O que facemos hoxe é darlle soporte a estas necesidades. Con este acordo imos tramitar as 553 solicitudes que entraron como solicitudes no mes de xuño”.
“Abrimos unha nova etapa na que a man tendida busca acordos especialmente nas políticas das persoas. Non son números, son persoas, estamos centrados nas políticas das persoas”, dixo. “Grazas a todos os grupos por apoiar este modificativo, incluso a aqueles que coa súa abstención, facilitaron a súa aprobación”.
Con este modificativo, dáse resposta aos tres alicerces básicos que sustentan o proxecto que lidera o Goberno local: a reactivación económica coa mobilización dos recursos públicos, a aposta polas políticas sociais e o “selo verde” que se traduce en melloras na mobilidade.
Lage lembrou durante a súa intervención que a falta de orzamentos implica dificultades á hora de levar unha “óptima xestión” e lamentou que a falta de previsión impedise que as partidas para a renda social e a emerxencia social non fosen incluídas no modificativo do crédito que Marea presentou antes das eleccións. Por iso, recalcou, é necesario facer previsións realistas das contas.
E anunciou que esta semana comezarán os contactos para negociar as contas e, deste xeito, que A Coruña poida ter orzamentos en xaneiro, “onde teremos a oportunidade de ver cales son as propostas de todos os grupos políticos”. Confiamos, dixo Lage, en que se traballe mirando o futuro e convidou a todos os grupos a presentar iniciativas positivas para a cidade.
Outras das partidas máis significativas é a de 1.661.350 euros, que se destina a ampliar a rede de BiciCoruña. Trátase, explicou o portavoz, dun crédito extraordinario, para poder
levar a cabo as actuacións previstas que inclúen un proxecto dos orzamentos participativos e do Eidus, que estaban recollidas no capítulo 7 do orzamento.
En concreto refírese ás novas estacións de BiciCoruña dos Mallos, Elviña, Parque de Eirís, Ventorrillo, e nos polígonos de Pocomaco e A Grela, Expocoruña, Universidade e Marineda, entre outras. Máis dun millón de euros destinarase ás subministracións e instalacións de lectores, módulos, carril bici, estacións e novas bicicletas a través do programa EIDUS e a instalación de estación en Catro Camiños.
O documento recolle outras partidas que non tiñan previsión orzamentaria, pero que deben ser atendidas porque son “actividades recorrentes ou de interese estratéxico para a nosa cidade”. Entre outras, inclúese unha partida de 80.000 euros para o convenio con Amigos da Ópera para financiar a tempada lírica de 2019 que lle corresponde ao departamento de Cultura. No apartado de Deportes incorpóranse dous suplementos de crédito; un de 30.000, para o desenvolvemento da carreira Enki 2019, a través dun convenio coa Fundación Abrente; e outro de 60.000 euros destinados a incrementar a convocatoria pública de subvencións para entidades sen ánimo de lucro.
Tamén anunciou un investimento de preto de 400.000 euros que irán parar ao ámbito da mobilidade. A maior parte destínanse á mellora, ao mantemento e ao funcionamento das instalacións da rede semafórica. Outros fondos utilizaranse na mellora de elementos de sinalización, gastos en comunicacións, resolución de alegacións e outras actividades de carácter máis ordinarios.
Por outra banda, froito dos ingresos por contribucións especiais, destínase unha partida pequena de 8.000 euros para proxectos de mellora do parque de Bombeiros. No eido do medio ambiente, destínase unha partida de 50.000 euros para afrontar a certificación final da obra de acondicionamento na vertedoiro de Bens, que incluíu unha planta de residuos (lixiviados) e mellora das infraestruturas.
Canto a equipamentos deportivos sufragaranse obras de reforma nos vestiarios dos campos de fútbol da Grela e nos campos de Visma. “Actuacións pequenas que quedaron pendentes e que hai que resolver”, sinalou José Manuel Lage.
O portavoz do Goberno local explicou que “todo este volume de actuacións supoñen dar baixas no orzamento por valor de 2.600.271 euros e utilizar case 400.000 euros do remanente líquido de tesourería”.