Excursión a Astorga
75 persoas participaron este sábado pasado nunha viaxe organizada polo Concello de San Sadurniño que se achegou até Astorga con paradas no Cebreiro e en Castrillo de Los Polvazares, pequeno enclave próximo á capital da Maragatería que soubo conservar o seu patrimonio para convertelo hoxe nun dos seus principais motores económicos por medio do turismo. O día deu para moito: pasear, xantar un gorentoso cocido maragato, visitar o pazo episcopal deseñado por Gaudí ou o Museo do Chocolate e,como adoita dicirse, botar o día fóra da casa na compaña de amizades.
Escritura narrativa coa AELG
Por outra banda, o sábado tamén comezou oficialmente o curso de escritura “A vida: unha narrativa”, organizado pol Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega dentro da súa Escola de Escritoræs. Esta actividade desenvolverase os sábados até o 23 de novembro na Casa da Xuventude de San Sadurniño impartida polo autor ferrolán Henrique Dacosta. Á apertura asistiron o propio docente, representantes da AELG e da Deputación da Coruña, que cofinancia o proxecto. As 20 prazas ofertadas para o curso, que é gratuíto, cubríronse tan só tres días despois de lanzar a convocatoria nas redes sociais.
Venres en Sansa!
Finalizamos enviándovos tamén algunhas imaxes do Venres en Sansa! de hai tres días, o penúltimo deste ano. Houbo BTT nocturna, danza fitness, graffiti e observación astronómica. Catro actividades que contaron cunha elevada participación de persoas de todas as idades. Este venres temos a última cita con baile contemporáneo, hip-hop, introdución á impresión 3D e partidas de pimpón. As inscricións hai que facelas o mércores como moi tarde na Casa da Cultura.
Videoconferencia sobre a factura da luz
De cara a mañá, a aula CeMIT de San Sadurniño -situada no primeiro andar da Casa da Cultura- acolle unha interesante charla por videoconferencia que se ocupará de axudarnos a comprender a factura da luz e, de paso, darnos algúns consellos sobre como baixar o gasto en electricidade. Hai múltiples maneiras. As obvias son, por exemplo, optar por electrodomésticos eficientes, desenchufar os que non utilicemos, usar os máis gastadores -lavadoras, lavalouzas, etc.- cando máis barata é a enerxía, etc. Porén, aínda se pode aforrar máis combinando estas prácticas con contratos de subministración axeitados ás nosas necesidades, é dicir, cunha potencia adaptada ao que realmente precisamos, tarifas con discriminación horaria ou incluso a botar man do bono social eléctrico se é que cumprimos as condicións para acollernos a el.
A sesión comezará ás 12.00h. simultaneamente para as aulas da rede e impartirase desde a Escola Galega de Consumo. Trátase dunha actividade gratuíta, pero é necesario reservar praza contactando coa aula CeMIT de San Sadurniño no 616 016 793 ou no correo cemit.sansadurnino@xunta.gal.