Friday 22 de November de 2024

O Pleno de Lousame aproba por unanimidade os estatutos da Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros-Noia


 

O Pleno tamén aprobou a Conta Xeral de 2018 e dúas mocións socialistas emendadas polo grupo de Goberno sobre o control do xabaril e o apoio ao movemento Emerxencia Feminista

O Pleno de Lousame aprobou por unanimidade os estatutos da Asociación de Concello do Camiño da Ría de Muros-Noia. O grupo de Goberno aceptou poñer por escrito no ditame do acordo que todos os grupos políticos municipais formarán parte da asemblea xeral da asociación pero rexeitou a petición de retirar o compromiso do Concello de Lousame de abonar as cotas correspondentes pola realización dos estudos e traballos necesarios para conseguir o recoñecemento desta ruta como itinerario cultural, primeiro, e como camiño xacobeo, despois.

Na quenda de mocións, o grupo de Goberno aproveitou para aprobar a Conta Xeral de 2018, que foi aprobada cos votos a favor de PP e PSOE, e a abstención do BNG. Así mesmo, aprobáronse por unanimidade dúas mocións presentada polo grupo municipal socialista. A primeira pedíalle á Xunta de Galicia a elaboración dun censo do xabaril, o establecemento de medidas de control e a posta en marcha dun fondo de compensación para o pago de danos producidos. O voceiro socialistas, Julio Paradela, afirmou que “é un problema en Lousame para algunhas explotacións e tamén para os veciños, pois algúns poñen dispositivos para espantar aos xabarís e non deixan durmir”.

A alcaldesa, Teresa Villaverde, amosouse “de acordo co espírito da moción” e asegurou que “somos conscientes do problema, temos falado con moitos veciños sobre a cuestión e sabemos que o Goberno Galego tamén é consciente”. Neste sentido, puntualizou que xa existe unha liña de axudas na Xunta de Galicia que ascende a 881.000 euros en 2019, 281.000 euros máis que hai dous anos. Así mesmo, propuxo un engadido á moción socialista para esixirlle tamén ao Goberno do Estado que faga un estudo da poboación de xabaril por comunidades autónomas e un plan de xestión a nivel nacional. Unha emenda que foi aceptada polo grupo socialista.

Finalmente, o pleno aprobou a moción tipo socialista de apoio á campaña Emerxencia Feminista. “Isto xa non é unha alerta, declaramos a emerxencia feminista”, apuntou Julio Paradela durante a lectura da moción. Unha moción que terminou converténdose nunha moción conxunta, logo das achegas incorporadas polo grupo municipal do Partido Popular no referente a esixirlle tamén ao Goberno do Estado un incremento das achegas aos municipios para a loita contra a violencia de xénero, tal e como se lle esixía na moción orixinal ao Goberno da Xunta. O BNG quixo incorporar tamén dous puntos nos que criticaba un suposto incumprimento dos Goberno Central e Autonómico de varios artigos de acordos internacionais pero a emenda foi rexeitada ao non ser quen de explicar en que consistían os devanditos artigos nin cal era o incumprimento de ambas Administracións.

Prevención da violencia de xénero

Finalmente, a concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo, explicou aos presentes todo o traballo de prevención que se está a desenvolver dende o Concello de Lousame “especialmente en colaboración co CPI Cernadas de Castro, onde concentramos as actividades porque é moi importante traballar na educación e implicar ás familias”. Neste sentido, adiantou que Concello e CPI van levar a cabo nas vindeiras semanas 4 obradoiros e 2 xornadas formativas sobre igualdade de xénero. A primeira delas xa tivo lugar o pasado martes, sobre os riscos da Internet, e a vindeira está programada para este martes 1 de outubro sobre educación en igualdade. “Gustaríanos que viñeran moitas máis familias porque é unha cuestión moi seria”, desexou Teresa Villaverde.

Así mesmo, Agrafojo adiantou que en breve terá lugar a reunión semestral da Mesa de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero e que se anunciarán as actividades previstas para o 25-N.