Friday 22 de November de 2024

Inés Rey aposta por unha comunicación fluída coas asociacións veciñais


A alcaldesa asistiu este mediodía a un xantar organizado pola Confederación Galega de Asociacións Veciñais “Rosalía de Castro” (CoGaVe)

A alcaldesa Ines Rey participou este mediodía nun xantar organizado pola Confederación Galega de Asociacións Veciñais “Rosalía de Castro” (CoGaVe), que tivo lugar no restaurante Finisterrae La Torre, e na que a rexedora destacou que “un Goberno local non pode ir á marxe de asociacións como as que presidides e das que formades parte, que levan anos traballando para ser unha canle directa e achegar as queixas e parabéns da veciñanza”.

Rey sinalou que ningunha corporación debe deixar atrás as traxectorias destes colectivos que intermedian para lle garantir á cidadanía unha mellor calidade de vida e atender, segundo as demandas, os colectivos que máis o necesitan: “É a nosa responsabilidade darlle prioridade neste mandato ás mulleres que non están en igualdade de condicións, aos menores e ás familias, sen esquecer aos mozas e mozos e o colectivo inmigrante. Convivencia e respecto son a clave que fará de nós unha sociedade máis rica”. A alcaldesa espera que o encontro de hoxe sexa o principio dunha comunicación fluída da que “os máximos beneficiarios sexades vós e nós, as veciñas e os veciños galegos”.