O ciclo incluirá 25 actuacións do 1 ao 6 de outubro de grupos e cantautores procedentes de Colombia, Portugal, Chile, Rusia e España
O concelleiro de Cultura, Jesús Celemín, presentou esta mañá o IV Encontro Internacional de Música de Pulso e Púa, que terá lugar do 1 ao 6 de otubro en distintos escenarios da cidade e a provincia coruñesa coa posta en escena das agrupacións Dúo Sonoridades, de Colombia; o Dúo Dos Púas, de España e Rusia; as portuguesas María Quê e o grupo Cançao de Coimbra e Fado de Lisboa; e a chilena Andrea Andreu M., que tocarán todos xuntos nunha jam session o día 5, no Sporting Club-Casino, e na gala de clausura o 6, no teatro Rosalía.
O edil falou da consolidación dunha cita que en cada entrega amplía o seu radio de acción chegando este ano ás localidades de Arzúa, Bergondo, Betanzos, Carral, Culleredo, Negreira, Noia, Oleiros e A Coruña, cun total de 25 actuacións. Tamén agradeceu o esforzo da asociación Pórtico das Artes por reunir unha selección de música de nacionalidades diferentes. A súa presidenta, Rosa González, destacou que nesta entrega se lle dará máis visibilidade á muller con Andrea Andreu M., as fadistas Cristina e Vera Lima; e Irina Kazimirskaya e Natalia López, de Dúo dos Púas, que estarán acompañadas por instrumentistas portugueses e colombianos. A coordinadora lembrou que a iniciativa naceu dunha suma de vontades e “somos todos os que logramos realizalo cunha calidade extraordinaria”. González remarcou a actividade didáctica que engloba o evento e que terá lugar en distintos centros escolares polas mañás.