A oposición queixouse de non ter sido consultada antes da instalación da rampla de acceso á igrexa de San Martiño e o alcalde lembroulles que o proxecto “estivo a disposición dos grupos municipais, se someteu a comisión informativa e veu dúas veces ao pleno e ninguén dixo nada”
A sesión plenaria de onte xoves en Noia tivo dúas fases moi diferenciadas. Unha primeira de cordialidade e na que todos os puntos da orde do día, salvo a Conta Xeral de 2018, foron aprobados por unanimidade; e unha tensa rolda de rogos e preguntas sobre as obras de mellora da accesibilidade á Igrexa parroquial de San Martiño de Noia.
Así, o pleno aprobou a Conta Xeral de 2018 cos votos a favor do Partido Popular, NOIA e Marea Cidadá de Noia, e as abstencións de PSOE e BNG. Nacionalistas e socialistas xustificaron as súas abstencións na necesidade de mellorar a planificación económica en Noia, chegando o voceiro socialista, Sergio Campos, a criticar “o fracaso do Goberno Municipal en canto aos ingresos previstos”, poñendo como exemplo que “non se recadou nada en expedientes sancionadores en materia de disciplina urbanística”. O voceiro da Marea Cidadá de Noia, Manuel Seijas, xustificou o seu apoio no feito de que “a fiscalización faise día a día, hoxe o que se aproba é un documento técnico. Non imos absternos ante un documento entregado en prazo”.
O alcalde, Santiago Freire, tirou de datos da propia conta para responderlle que “as previsións de ingresos iniciais eran de 11.280.219 euros e os dereitos recoñecidos ascenderon a 11.830.454 euros. É evidente que a previsión inicial foi superada amplamente” e lembrarlle que “non só non hai consigna ningunha de que non se tramiten expedientes sancionadores, senón que Noia está adherida á Asociación de Protección da Legalidade Urbanística”.
Camiño a Santiago
Todos os grupos municipais coincidiron en felicitar ao Concello de Noia pola creación da Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros-Noia, entidade coa que “se busca dar os pasos necesarios para a xestión conxunta da asociación e conseguir e o recoñecemento como itinerario cultural, e posteriormente como camiño xacobeo, da ruta de peregrinación marítima a Santiago”. Pola súa banda, o concelleiro de Turismo e integrante das reunións previas á constitución da asociación, José Pérez, apuntou que “é un paso máis nunha reivindicación que todos compartimos. Esperamos que teñamos pronto noticias e que antes do Xacobeo 2021 teñamos o Camiño”. A proposta foi aprobada por unanimidade.
Esa unanimidade mantívose na aprobación das dúas mocións presentadas ao pleno. Así, o BNG sacou adiante a aprobación dunha mesa local pola calidade dos nosos recursos naturais, na que se integraría unha mesa polo mar solicitada hai uns meses pola Marea Cidadá de Noia. O voceiro nacionalista, Ricardo Suárez, considera que esta mesa pode ser “un primeiro paso para que Noia inste á Xunta a creación dunha conca hidrográfica para o río Tambre”.
Así mesmo, aprobouse por unanimidade unha moción da Marea Cidadá de Noia para a creación dunha Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia Machista, logo de que a súa parte dispositiva fora cambiada e transaccionada pola concelleira de Igualdade, Marisol Villar. Deste xeito a moción instou á creación desta mesa local, na que poidan formar parte representantes de todos os grupos municipais e que se convocará nun prazo de 45 días despois da súa constitución. O voceiro do NOIA, José Pérez, agradeceu a proposta da Marea, se ben puntualizou que Noia contará tamén cunha Mesa Interinstitucional contra a Violencia de Xénero, que se porá en marcha na próxima reunión da Xunta Local de Seguridade.
Rampla de San Martiño
A cordialidade da parte dispositiva desapareceu na quenda de rogos e preguntas co debate sobre as obras de mellora da accesibilidade á Igrexa parroquial de San Martiño de Noia, especialmente entre o voceiro da Marea Cidadá de Noia e o alcalde, primeiro porque consideraba que non se lle estaba a responder ás preguntas e despois porque consideraba que se estaban dando demasiada información sobre a cuestión e que non fora solicitada. O alcalde xustificou a resposta en que se estaba respondendo á pregunta do grupo socialista, que non entrou no debate, e que as preguntas da Marea e do PSOE versaban sobre a mesma cuestión.
Así as cousas, a Marea criticaba que a cuestión non se levara á comisión do casco histórico e que non se asinara un convenio de colaboración coa igrexa para facer unha obra que considerou lesiva para o patrimonio. Pola súa banda, o voceiro socialista pediu a retirada da obra debido á “alarma xerada pola súa estética, sen dubidar da legalidade e da necesidade”.
O proxecto estivo á disposición de todos os grupos municipais
O alcalde, Santiago Freire, respondeu que esta obra “é unha demanda histórica que se plantexa dende hai moito tempo” e lembrou que baixo o seu mandato se ten avanzado na eliminación de barreiras nas rúas e nos accesos aos edificios públicos, como a piscina municipal. Freire explicou que este proxecto “é unha competencia que non depende da Comisión de Seguimento do Casco Histórico” e, diante das acusacións vertidas nas Redes Sociais por parte dos grupos da oposición sobre a súa ignorancia sobre a actuación, o alcalde de Noia lembroulles que “este informe estivo a disposición dos grupos municipais. Someteuse a comisión informativa e a pleno, onde ao mellor puideron dicir algo. Veu dúas veces a este Pleno e ninguén dixo nada”.
Freire Abeijón afirmou que “sorprende que algúns queirades facer ver que foi unha obra que se fixo ao chou, cando é froito dun traballo, dunha planificación e dun consello de expertos” e reiterou que “non foi algo levado a escondidas, tróuxose a este Pleno e ninguén dixo nada”.
Comisión do Casco Histórico
En resposta ás preguntas da Marea, Freire lembrou que, ademais do ditame favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, o proxecto conta tamén co informe favorable da Subcomisión de Conservación do Patrimonio Histórico, Artístico e Documental da Igrexa Católica en Galicia. Nese punto, o voceiro do PP e concelleiro de Casco Histórico, Julio Bustelo, apoiou a afirmación do alcalde de que o proxecto non tiña que ser levado á Comisión de Seguimento do Casco Histórico, o que provocou o mencionado intercambio de opinións entre o voceiro da Marea e o alcalde.
Bustelo lembrou que “todos os BIC teñen protección integral, como recolle o PEPRICH” e deu lectura a un informe da arquitecta do casco histórico, de xuño de 2018, no que dicía que “as obras son unha actuación sobre un BIC polo que procede dar traslado do proxecto á Dirección Xeral de Patrimonio para a súa tramitación. Nós non temos competencias sobre iso”.
Aínda así, o alcalde indicou que convocará a Comisión de Seguimento do Casco Histórico, previsiblemente para o vindeiro xoves, para “escoitar a opinión dos expertos”. Neste sentido, explicou que “a Dirección Xeral de Patrimonio reuniuse co estudo que fixo o proxecto e se analizaron distintas propostas. Se se fai así é porque non pode ser doutro xeito e, de todos modos, a obra está acometida de forma que os elementos poidan ser desmontados nun futuro se fose preciso”.
Sobre as cuestións estéticas, Freire Abeijón indicou que “se plantexou que a escalinata estivera de fronte, pero Patrimonio non o autorizou” e lembroulles aos presentes que “o criterio que poidamos ter cada un de nós pode non coincidir co deles, que son os expertos que teñen que dar o permiso”. Finalmente, sobre a petición de utilizar outros elementos que se mimetizaran máis coa contorna, Freire lembrou que “o criterio de Patrimonio é que sexa un elemento claramente diferenciado para que se perciba que non formaba parte do edificio orixinal, senón que é un agregado”.
Neste sentido, compre lembrar que os maiores comentarios sobre a obra chegaron no seu inicio, cunha pedra branca e sen a rampla de acceso instalada. Nestes momentos, a pedra ten xa outra cor e un envellecemento grazas a un tratamento de abuxardado realizado onte.