Levaron unhas breves guías con detalles sobre como interpretar a factura e medidas de aforro enerxético no fogar
Unha ducia de persoas participaron onte no obradoiro impartido pola Escola de Enerxía da Fundación Naturgy en Boqueixón. Os veciños e veciñas asistentes levaron cadansúa guía breve sobre como interpretar a factura eléctrica, así como consellos prácticos de fomento do aforro enerxético no fogar.
A sesión dividiuse en dúas partes: unha teórica e outra eminentemente práctica. Na primeira, ofrecéronse unhas nocións básicas sobre o circuíto da enerxía: como se produce e como chega ata os fogares. Neste senso, falouse sobre os distintos comercializadores e os distintos axentes que interveñen no proceso de subministración da enerxía.
Xa na parte práctica, as persoas asistentes aprenderon como é o modelo de factura da luz e do gas e cales son os conceptos incluídos nela. Dende a Fundación Naturgy insistiron na necesidade de controlar e saber exactamente cal é a potencia contratada, xa que desa cantidade tamén dependerá o custo da enerxía.
Por outra banda, tamén se explicaron os requisitos básicos precisos para solicitar o chamado Bono Social Eléctrico. Do mesmo xeito, desglosou os descontos que implica esta axuda no recibo da luz.
A charla da Fundación Naturgy finalizou cunha serie de consellos prácticos sobre medidas de aforro enerxético nos fogares. As persoas asistentes amosaron a súa satisfacción por todo o aprendido nesta sesión e, dende a organización deste obradoiro, están a barallar a posibilidade de repetir a actividade para chegar a máis veciñanza.