Friday 22 de November de 2024

A Xunta impulsa con ‘O Teu Xacobeo’ 6 proxectos na comarca Bergantiños-Costa da Morte que mobilizarán máis 80.000€


Ovidio Rodeiro informou dos actos desta convocatoria e subliñou que representa o carácter “participativo, descentralizado e sustentable” do Ano Santo
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, coincidindo co Día Mundial do Turismo, coñeceu esta mañá o proxecto Dumu, da Asociación EFA Fonteboa (Centro de Promoción Rural), unha das beneficiarias das axudas do programa O Teu Xacobeo. O representante do goberno autonómico mantivo un encontro cos alumnos que levarán a cabo esta iniciativa de promoción do Camiño Inglés.

O proxecto Dumu centra o seu plan de actuación no tramo do Camiño de Santiago dende Dumbría ata Muxía. O obxectivo final, por tanto, establécese na valorización dese tramo do camiño e entorno e a súa vinculación con actividades empresariais que favorezan o desenvolvemento socio-económico das áreas rurais. A nivel de valorización do Camiño, o proxecto promocionará os recursos naturais, patrimoniais e culturais da área de actuación a través da creación de vídeos 360. Estes serán distribuídos e promocionados nas distintas webs dos concellos, asociacións empresariais/turísticas e no propio portal do proxecto. Asimesmo, realizarase unha campaña de publicidade dos mesmos a nivel europeo, empregando as redes sociais.

Ovidio Rodeiro subliñou que O Teu Xacobeo representa o carácter participativo, descentralizado e sustentable dun Ano Santo no que a cidadanía é a protagonista, xa que son os encargados de difundir os valores do Camiño de Santiago por toda Galicia.

Na comarca de Bergantiños-Costa da Morte, O teu Xacobeo vai desenvolver 6 proxectos cunha subvención de máis de 80.000 euros. Este programa contempla outras 54 actividades itinerantes que percorrerán varios concellos de Galicia que contan cun apoio da Consellería de Cultura de máis 793.000 euros. Na totalidade da provincia da Coruña esta cifra ascende a 1,6 millóns de euros para organizar 171 actividades desde 2019 e ata abril do 2020

Concretamente, nesta área os proxectos inclúen diferentes actividades culturais centradas no patrimonio como o impulsado polo Concello de Vimianzo, A translatio e os camiños de Santiago na Costa da Morte, que acollerá neste municipio actividades formativas e divulgativas centradas en pór en valor a Igresa de Santiago de Cereixo. Tamén en outubro, o Concello de Dumbría promoverá unhas xornadas internacionais arredor da mítica figura do vákner, un monstruo, que segundo recollen as lendas, atemorizaba aos peregrinos entre Fisterra e Muxía no Medievo.

Asimesmo, nesta comarca se apoia a actividades divulgativas sobre o Camiño de Santiago como a posta en marcha dunha web Polo Camiño na que se dará resposta a moitas das inquedanzas dos peregrinos que están a facer o Camiño de Santiago.

Tamén centrado na promoción da Costa da Morte, en concreto da zona de Fisterra, O teu Xacobeo impulsa o proxecto Solpor Fisterra centrado na realización de contidos tecnolóxicos (vídeos promocionais, time lapse, web, ect) vinculados coa posta de sol en Fisterra.

Ovidio Rodeiro destacou a “gran acollida” desta iniciativa, impulsada co obxectivo de implicar e fomentar a participación de todos os axentes da sociedade no deseño do próximo Xacobeo 21. De feito, O delegado territorial lembrou que que se recibiron un total de 652 propostas de toda Galicia nas tres liñas de axuda abertas e destacou que a gran afluencia de solicitudes levou a ampliar o investimento destinado a este proxecto, pasando dos 2 millóns iniciais a un total de 4,7.

Neste senso, subliñou que o obxectivo deste programa é que chegue ao maior número de concellos galegos, con especial atención aos máis pequenos, e que teña en conta os diferentes Camiños que abranguen máis de 1.500 quilómetros en toda Galicia.

A primeira liña de axudas está destinada a proxectos formulados por entidades locais (concellos galegos, mancomunidades, consorcios locais ou deputacións. A meirande parte destas iniciativas permitirán mobilizar recursos locais, fomentarán a innovación e o uso das TIC e farán especial énfase na promoción de artistas ou creadores galegos.

A segunda das liñas foi dirixida a propostas de pemes e particulares da Coruña en proxectos centrados no desenvolvemento rural, o impulso de talento emerxente ou o fomento da igualdade. Por último, a terceira das liñas permitirá que boten andar propostas de entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro da provincia. “Confiamos en que esta iniciativa sentará as bases dun Xacobeo que sintan como propio todos e cada un dos galegos”, apuntou Ovidio Rodeiro.

Cinco ámbitos de actuación
As iniciativas seleccionadas abranguen un total de cinco áreas: o ámbito artístico, patrimonio-historia-pensamento-espiritualidade, gastronomía, ámbito deportivo e ámbito social. O ámbito artístico comprende toda unha serie de disciplinas como artes visuais, arquitectura, deseño, cultura dixital, moda, cinema e documental, todo tipo de músicas, artes escénicas, literatura e libro. No eido do patrimonio, historia, pensamento e espiritualidade terán cabida foros de reflexión, encontros, publicacións, estudos, etc.

En canto a área gastronómica, inclúense experiencias e actividades de elevado valor engadido, que contribuirán a dar a coñecer e gozar do patrimonio enogastronómico de Galicia achegando a visitantes e locais unha parte das tradicións, oficios, cultura, historia e identidade territorial, así como a promoción de produtos con denominación de orixe ou indicacións xeográficas.

No ámbito deportivo realizaranse eventos de distintas disciplinas deportivas. Inclúense actividades dirixidas e ao aire libre como camiñadas ou rutas organizadas e tamén disciplinas relacionadas co benestar e o gozo respectuoso da natureza. Por último, o ámbito social contempla proxectos relacionados coa defensa dos dereitos humanos ou vinculados a colectivos vulnerables.