A alcaldesa mantén a súa aposta polo mandato “da amabilidade” durante un almorzo informativo en María Pita
A alcaldesa, Inés Rey, fixo esta mañá un balance dos seus primeiros cen días ao fronte do Goberno local en María Pita. A rexedora mantén a súa aposta por un mandato “amable e lonxe da tensión que se viviu nos últimos anos” para centrarse no diálogo e nos acordos”. Trátase, dixo, dunha cuestión de respecto institucional, “de non perder o tempo con batallas estériles que só serven para alimentar a desafección política”. Neste sentido, o goberno socialista soubo ir máis aló das siglas e recuperar o diálogo institucional con outras administracións “sexan da cor que sexan” e non caer “no vicio de
rexeitar todo aquilo feito polos anteriores gobernos”.
Asegura querer “levar o sentido común na política” e adoptar acordos que beneficien á cidadanía sen importar que veñan doutros partidos afastados ideoloxicamente de nós.” A política municipal debe centrase no cidadán”, insistiu. Un propósito que quedou reflectido nos acordos alcanzados coas forzas progresistas de esquerdas Marea Atlántica e BNG e “na man tendida e o diálogo fluído co resto de forzas da
Corporación”.
Nun clima que confía que se manteña máis aló “da tradicional tregua” dos cen días. Desde o 17 de xuño a prioridade máis inmediata, ademais de resolver problemas perentorios como os campamentos de verán ou a xestión dos rexeitamentos de Nostián, foi analizar polo miudo o funcionamento das diferentes áreas. Tamén analizar o estado dos contratos dos servizos públicos, moitos deles xudicializados. “Houbo que coñecer o estado da administración para mellorar o que non funcionaba”.
Destacou, durante o almorzo informativo que mantivo cos xornalistas, o traballo realizado polos concelleiros/as e a súa dedicación as “24 horas do día” para sacar adiante todos os proxectos que o Goberno local ten para este mandato; proxectos de carácter transversal que necesitan da colaboración de todas as áreas”. E fixo unha mención especial ás traballadoras e traballadores municipais “unha das grandes fortalezas que ten o Concello é os seus traballadores” e mostrou a súa satisfacción polo seu labor e profesionalidade. Sen esquecerse, sinalou, que é
necesario reforzar algúns servizos con máis persoal.
No ámbito do urbanismo, Inés Rey destacou que a tramitación de licenzas recibirá un importante impulso xa que durante os 100 primeiros días do anterior mandato se tramitáron 20 licenzas e que neste foron 120 as licenzas concedidas. “Un dato que demostra que viñemos a impulsar a administración local que padecía un grave
letargo”.
PROXECTOS
Sinalou que son grandes proxectos de cidade a Estación Intermodal, o novo Hospital, a fachada marítima ou a Cidade das TICs, pero tamén o son o centro de saúde de Santa Lucía, o Remanso, os equipamentos deportivos, a mellora no trazado do carril bici ou a reordenación de liñas de autobús, a reimplantación do carril bus, erradicar o botellón en Méndez Núñez, construír novas escolas infantís e a súa gratuidade e investir nos servizos sociais para que “ninguén quede atrás e poñer en marcha unha política real de inclusión”. Insistiu no compromiso do Goberno local co medio ambiente mediante políticas transversais de mobilidade que axuden a cumprir os acordos da Axenda 2030. Neste sentido, lembrou que é de máxima prioridade o prego da xestión dos residuos urbanos que lamentou que non estaba “nin moito menos listo”. En canto ao Plan de Limpeza Integral lembrou que a administración é “lenta” aínda que está segura de que se tramitará nas próximas semanas co fin de que a cidade recupere “esa imaxe que todos queremos”. Mentres
tanto, estamos a realizar un plan de limpeza zonal en todos os barrios da cidade.
Sinalou a xestión para facer realidade a Estación Intermodal “como exemplo de traballar con outras administracións”. Un proxecto vital para o plan de mobilidade e de transporte da cidade que estivo paralizado moito tempo e que agora grazas “ás
renovadas relacións institucionais conseguimos que vaia para adiante”. O Concello xa fixo os seus deberes coa aprobación das modificacións do PXOM que son necesarias para garantir os accesos á futura estación que estará finalizada en 2023
“pasos que non son visibles, pero moi importantes”, resaltou.
En canto á reordenación da fachada marítima, outro dos proxectos para este mandato, Inés Rey, destacou que xa empezaron os traballos en colaboración coa Autoridade Portuaria e indicou que a Corporación aprobará unha moción relativa ao
Porto que confía “que se aplicará” do mesmo xeito que a da Casa Cornide.
Presupostos
O clima de diálogo, dixo, fai posible que este ano se poidan comezar en setembro as negociacións dos orzamentos para que poidan ser aprobados en xaneiro e, deste
xeito, poder levar a cabo as políticas que “van transformar a vida dos cidadáns”.
Unha aposta pola Igualdade
“Unha Corporación que defenda os intereses das coruñesas non só con palabras, senón con feitos”. Anunciou que levará ao pleno de outubro a aprobación definitiva
da Ordenanza de Igualdade.
Área metropolitana
Outra das firmes apostas deste goberno, apuntou a rexedora, é a creación da área metropolitana, tal e como acordou onte con todos os concellos da área. No próximo pleno levará unha proposta para que a Xunta promulgue unha Lei que permita a creación deste ente supramunicipal.