As entradas póñense á venda mañá no estadio e poderanse tamén adquirir no Pavillón de Deportes a partir do 29/09 e na web da RFEF a partir do 28/09, desde 5 euros
A Selección Española Feminina de Fútbol arrincará na Coruña o seu camiño cara á Eurocopa 2021 nun partido que enfrontará as internacionais de Jorge Vilda contra Acerbaixán o próximo 4 de outubro, no Estadio de Riazor ás 21.30 horas.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, o concelleiro de Deportes, Juan Ignacio Borrego, e o representante da RFEF e ex-xogador do Deportivo da Coruña, Albert Luque, xunto ao presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, e o conselleiro do RC Deportivo da Coruña, Jesús Chapela, ofreceron hoxe nunha rolda de prensa no Pazo de María Pita os detalles dun encontro histórico, entre outras razóns porque é a primeira vez que as xogadoras da selección acoden a esta cidade.
O edil de Deportes abriu a rolda de prensa presentando as persoas asistentes e, asegurou que “a aposta do Concello é enorme, tanto polo deporte masculino coma polo feminino”. De seguido, deulle paso a Rafael Louzán, quen agradeceu a vontade e as facilidades por parte do Concello para realizar este evento na Coruña que, sen dúbida, dixo, “é un acerto pleno”.
Pola súa parte, Albert Luque recordou os seus anos como xogador do RC Deportivo: “Para min é un orgullo dobre estar aquí, por unha parte estar en nome da federación que ten o fútbol feminino como unha prioridade, e por outra parte por estar na Coruña, unha cidade que me deu moito”. Luque, agora membro da RFEF, deulle grazas á cidade “por facer isto realidade”.
Inés Rey foi a encargada de cerrar a presentación nunha intervención chea de alusións ao papel das mulleres no deporte, en concreto do fútbol, e aos símbolos locais femininos coma “María Pita, as cigarreiras que mandaban no movemento obreiro, as vendedoras das prazas que se visten de branquiazul, ao Trofeo Teresa Herrera e a unha das pioneiras do fútbol que inspirou o fútbol feminino da cidade, Irene González”.
Rey agradeceu o traballo “discreto pero intenso” da Concellería de Deportes para que esta cita “como aposta persoal miña, se poida realizar na Coruña, co fútbol e a sociedade en plena reivindicación feminina e rachando teitos de cristal, e porterías tamén”. A rexedora rematou destacando que non hai mellor escenario que A Coruña para este encontro, e espera que “o próximo día 4 sexa unha festa do fútbol, unha festa do deporte e unha festa das mulleres, unha firme aposta pola igualdade e pola igualdade no deporte”.
Deste xeito, autoridades políticas e deportivas animaron a cidadanía para apoiar o combinado nacional neste encontro que supón o inicio do camiño cara á Eurocopa
2021. Despois del, a selección desprazarase a Praga, onde disputará outro encontro oficial contra República Checa.
Ademais, o partido do próximo 4 de outubro terá un carácter especial e emotivo, posto que a Real Federación Española de Fútbol previu unha homenaxe á xogadora Silvia Meseguer e á capitá Marta Torrejón, que este verán deixaron a selección. Será un recoñecemento á súa dedicación e traballo no equipo nacional.
A selección chegará á Coruña o día 2 de outubro e realizará dous adestramentos na cidade antes do partido. O do día 3 en Riazor será ás 18.30 horas e estará aberto ao comezo a medios de comunicación.
As entradas poñeranse á venda mañá día 27 de outubro nos despachos de billetes do estadio. A partir do día 28 tamén se poderán adquirir na web da RFEF (tickets.rfef.es) e a partir do 29 engadirase o Pavillón Deportivo. Os prezos oscilarán entre os 5 e os 15 euros e haberá promocións especiais para os abonados do RC Deportivo da Coruña.