Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Noia e a Universidade de Santiago ofrecen seis cursos de formación gratuítos para maiores de 50 anos


O prazo de inscrición está aberto ata que se cubran as 30 prazas ou ata o 6 de outubro. Os cursos terán lugar entre o 10 e o 25 de outubro

O Concello de Noia e a Universidade de Santiago de Compostela van poñer en marcha unha nova edición do programa “Camiños de coñecemento e experiencia, proxecto de democratización do coñecemento”, un programa gratuíto de formación universitaria dirixida a veciños e veciñas de Noia maiores de 50 anos.

O programa, froito dun convenio asinado entre ambas institución, inclúe tres sesións teóricas e outras tres prácticas, que terán lugar entre o 10 e o 25 de outubro. Hai 30 prazas dispoñibles e as matrículas poderán formalizarse no Concello de Noia ata o 6 de outubro.

Programa

O programa formativo inclúe tres sesións teóricas, que terán lugar no edificio municipal de Servizos Administrativos O Matadoiro (rúa Espírito Santo, 4) os días 10, 14 e 24 de outubro, en horario de tarde. A primeiro seminario, “Que é o envellecemento”, será impartido por Víctor Manuel Arce Vázquez, doutor en Medicina e profesor da Facultade de Medicina da USC e do Programa Universitario de Maiores “IV Ciclo da USC”, entre as 17:00 e as 18:30 horas.

O luns 14 de outubro, de 16:30 a 18:00 horas, Juan López Bedoya, profesor da Facultade de Xeografía e Historia, impartirá a charla “Xeografía física da costa galega: orixe, evolución e orixinalidade do noso litoral”. Para o mércores 23 de outubro está programada a xornada “O cine como linguaxe”, impartida por Álvaro Dosil Rosende, do grupo de investigación 3ª Xeración e bolseiro da Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC.

As sesións prácticas estarán vencelladas ás charlas teóricas. A primeira será un roteiro pola costa, o venres 18 de outubro de 16:30 a 18:00 horas, guiados polo profesor Juan López Bedoya. A segunda será o mércores 23 de outubro e terá lugar na Facultade de Medicina de Santiago, na que o alumnado será guiado por José Manuel Fernández García, doutor en Medicina e especialista en Medicina Familiar e Comunitaria. Finalmente, o xoves 24 de outubro Álvaro Dosil impartirá unha práctica sobre o cine como linguaxe.

“Camiños de coñecemento e experiencia” é un programa organizado pola Vicerreitoría de Titulacións da Universidade de Santiago de Compostela e polo Concello de Noia, que contan coa colaboración da Consellería de Política Social, a Deputación Provincial da Coruña e o Banco Santander.