Friday 22 de November de 2024

Os 300 participantes no XI Tríatlon Ponte Nafonso “Memorial Míchel” 2019 doan un desfibrilador automático á Cruz Vermella Noia


 

A proba terá lugar na tarde do sábado 28 de setembro en Pontenafonso

A Cruz Vermella de Noia vén de recibir un desfibrilador externo automático comprado grazas ás achegas realizadas polos participantes no XI Tríatlon Ponte Nafonso “Memorial Míchel”, que reunirá a 300 competidores na tarde deste sábado 27 de setembro en Pontenafonso. “Decidimos dedicar ao Proxecto Salvavidas Desfibriladores e Cardioprotección a parte do custe da inscrición que dedicabamos ao agasallo ao participante”, explica Pablo Dosil Rosende, da asociación deportiva O Peirán, “e, en vez de comprar unha camiseta, mercamos un desfibrilador automático que doamos á Cruz Vermella Noia para que o use nos eventos deportivos e culturais que cubre en Noia e Outres”.

Unha achega que foi recollida por Antón Rechou, voluntario de Cruz Vermella Noia, quen agradeceu a doazón, se ben puntualizou que “non é un agasallo á Cruz Vermella, é un agasallo a todo o deporte da zona. Esta contribución vai velar pola seguridade de todas as probas deportivas que se celebren na comarca”.

A entrega do desfibrilador tivo lugar durante o acto de presentación do XI Tríatlon Ponte Nafonso “Memorial Míchel” 2019, organizado pola asociación deportiva O Peirán e que conta coa colaboración dos Concellos de Noia e Outes, así como de Protección Civil Noia e Cruz Vermella Noia. Un evento deportivo que terá lugar este sábado 28 de setembro, a partir das 17:00 horas, e no que participarán 300 deportistas de toda Galicia. “As insercións se abren un mes antes, pero cúbrense en apenas 2 horas”, explicou Pablo Dosil.

Memorial Míchel

Dosil Rosende explicou que esta proba “é un recordo a Míchel, un rapaza de Pontenafonso que nos deixou con so 23 anos e que organizou en 1992-1993 o primeiro Tríatlon de Galicia. Cando a xente case nin sabía que era o tríatlon, xuntounos a 50 amigos, pero non se puido seguir no 1993. No 2001 decidimos retomar o que comezara Míchel e aquí estamos, 18 anos despois, cunha proba consolidada no calendario galego”.

A concelleira de Deportes de Noia, Laura Salgado, amosou a satisfacción do Concello de Noia en “participar nun evento coma este, sobre todo cando detrás ten un aspecto social tan importante como o Proxecto Salvavidas”. Pola súa banda, o concelleiro de Deportes de Outes, Daniel Rodríguez, destacou a figura de Míchel que “tantos anos despois, sigue facendo que os seus amigos traballen para facer este tríatlon”.

Finalmente, a oncóloga do CHUS e madriña da proba, Elena Brozos, agradeceu a colaboración de todas as entidades, destacando que este tríatlon “é un dos máis importantes de Galicia” e que “o deporte ten algo social e implica un crecemento persoal”, polo que animou á veciñanza a animar aos participantes este sábado, nunha proba na que ela tamén tomará parte.