Friday 22 de November de 2024

A Psila Africana dos cítricos prosegue o seu avance cara ao interior de Galicia


 

O seu nome científico é Trioza Erytreae Del Guercio e é un insecto que ataca os limoeiros e laranxeiras -o que máis temos por aquí- e outras árbores cítricas. En Galicia detectouse na zona da Ría de Arousa no ano 2014 e, desde aquela, os mapas do Servizo de Sanidade Vexetal da Xunta non deixaron de reflectir un radio de acción cada vez máis amplo. Hoxe cobre practicamente toda Pontevedra e a faixa máis oriental da da Coruña, incluído San Sadurniño, aínda que o seu avance parece imparable cara ao interior de Galicia. É unha das pragas definidas pola UE e polo Ministerio de Agricultura como de corentena, o que esixe medidas de choque para erradicala, non tanto polo mal que fai por si mesma, senón polo feito de que o Psílido ou Psila africana pode contaxiar na planta a bacteria Candidatus Liberibacter africanus, causante da moito máis grave Huanglongbing ou Dragón dos cítricos. Desta última a Xunta asegura non ter detectado ningún caso, tal e como se recolle no plan de acción contra a Trioza Erytreae onde tamén se indica as medidas que se poden adoptar para minimizar o seu impacto no posible.

Unha inspección da Unión Europea puxo de manifesto hai máis de dous anos que o plan de contención e erradicación da Consellería do Medio Rural non estaba dando resultados e que tampouco se estaba implementando suficientemente para frear o avance da praga. De feito, o Plan de Acción é un documento de 20 páxinas das que aproximadamente a metade son anexos que redundan no dito na outra metade.

As medidas reflectidas no plan marcan tres eixos: vixilancia, control e erradicación que, polo momento, parecen limitarse á publicación de folletos informativos e á certificación das zonas polas que se está expandindo a Trioza, quizais porque o cultivo de cítricos en Galicia -limóns, laranxas, mandarinas, etc.- ten escasa relevancia no sector agrario do país ou porque, a diferenza das patacas, tampouco semella que teña moita incidencia en termos económicos no autoconsumo, malia haber limoeiros en case todas as casas do rural.

Os danos que produce o insecto son doados de detectar. Fai postas no envés das follas onde se crían as súas ninfas, que se alimentan chuchando o zume da planta. Iso produce unhas verrugas características polo outro lado da folla que acaban por secala cando a poboación do bicho é importante. As ninfas acaban converténdose en exemplares adultos que primeiro teñen unha cor verde e logo marrón escura. Os ataques prodúcense maiormente nos abrochos novos, de xeito que os danos poden ser graves cando as árbores son pequenas e máis levadeiros en exemplares de grande porte. Esta especie prolifera con temperaturas suaves e en condicións de alta humidade. O ciclo completo dura arredor de 45 días e non se detén en todo o ano, polo que se poden chegar a producir ata 8 procesos de cría en doce meses.

En calquera caso, o Plan de Acción da Xunta indica cales son as medidas que, como particulares, podemos adoctar se detectamos a máis que segura presenza da Psila africana nun dos nosos limoeiros ou laranxeiras:

Se a afección é leve, pódense cortar as pólas afectadas e queimalas.
Non realizar movemento de material vexetal (plantóns, xemas para enxerto, etc.) de plantas infectadas a outras zonas para evitar a dispersión da praga.
Difundir a información sobre esta praga entre as persoas ás que poida interesarlle e que teñan plantas de especies sensibles para que a campaña de control teña o maior efecto posible.
Aplicar un produto fitosanitario autorizado para o tratamento desta praga. Recomendase realizar dous tratamentos continuados nun intervalo de dúas a tres semanas, se é posible, alternando as sustancias activas utilizadas. O cadro de produtos recomendados é o seguinte: